O ataque foi feito público pola Aemet o 23 de maio por medio da súa conta corporativa de Twitter, sen que se especificase ata o momento cal foi a metodoloxía empregada para o ataque nin se se dispón de información sobre autores ou posibles obxectivos (económicos, publicidade…).
Como consecuencia, hai tres servizos da Aemet que deixaron de estar dispoñibles: o Meteoglosario, con información sobre os termos empregados na disciplina, o seguimento dos traballos de Aemet na Antártida e, sobre todo, o servizo SINOBAS (Sistema de Notificación de Observacións Atmosféricas Singulares), un dos máis populares de entre os que ofrece a Axencia, xa que apela á colaboración cidadá para obter información sobre fenómenos meteorolóxicos infrecuentes.
Fontes de Aemet indican que o acceso se restablecerá tan pronto como se poida garantir a seguridade dos usuarios.