O Comité Europeo de Protección de Datos (CEPD) acordou, de forma urxente, o pasado 1 de novembro, prohibir a Meta (entidade matriz de Facebook e Instagram) que ofreza publicidade aos seus usuarios baseada no seu comportamento na rede.
Malia que será a autoridade de control irlandesa quen implemente a decisión posto que a sede social de Meta en Europa está en Irlanda, a decisión afecta a todo o Espazo Económico Europeo, isto é, os vinte e sete países membros da UE máis Islandia, Liechestein e Noruega.
O prazo que concede a resolución para levar a cabo as medidas necesarias é de dúas semanas. Con todo, Meta xa anunciara o 31 de outubro que a partires do 6 de novembro deixaría de amosar anuncios en ambas redes sociais aos seus usuarios menores de idade residentes na Unión Europea. Tamén, anteriormente, anunciara unha opción de pago para que non se amosen anuncios nin en Facebook nin en Instagram. Estas opcións de pago non semellan un argumento válido para o CEPD, que lembra que as condicións do contrato non son unha base lexitimadora axeitada para o tratamento de datos persoais con fins publicitarios comportamentais.