O CPEIG e a Amtega organizan 28 xornadas sobre ciberseguridade en colexios de toda Galicia

Imaxe

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia da Xunta de Galicia (Amtega) organizan no mes de outubro unhas xornadas sobre ciberseguridade enmarcadas no programa ‘Tech Kids’, actividade incluída na ‘Estratexia Galicia Dixital 2030’ e no ‘Plan DigiTalent 2030: Camiña en Dixital’. Este programa realízase a través do convenio asinado entre o CPEIG e a Amtega para levar adiante actuacións de formación, capacitación e promoción no ámbito das tecnoloxías da información en Galicia para fomentar a sociedade dixital.

Organizaranse en total 28 xornadas formativas presenciais en centros de ensino de Galicia, sendo a primeira sesión o 28 de setembro no CEIP de Zas. Proseguirán xa en outubro en Santiago, O Carballiño, Maside, Boborás, Antas de Ulla, Monterroso, Palas de Reis, O Grove, Cambados, Lalín, Lugo, Rábade, Castrelo de Miño, Cartelle, Vigo, Ribeira, Curtis e en Aldán en Cangas do Morrazo.

O programa “Tech Kids” ten como obxecto formar aos rapaces e rapazas en ciberseguridade, así coma fomentar a súa vocación STEM. As xornadas ‘Ciberseguranza Kids’ centraranse na ciberseguridade mediante charlas con tipoloxía de contacontos ou outro tipo de actividade de carácter dinámico e participativo. Están dirixidas a nenos/as de 3 a 12 anos de idade. Ademais, celebrarase unha sesión de contacontos o vindeiro 26 de outubro no centro Gaiás Tech da Cidade da Cultura en Santiago.

Información relacionada