O mes europeo da Ciberseguridade 2023 céntrase na Enxeñería Social

Imaxe

En outubro celébrase o Mes Europeo da Ciberseguridade, que este ano se centra na enxeñería social, unha das principais ameazas en materia de ciberseguridade. É a campaña anual da Unión Europea dedicada a promover a ciberseguridade entre a cidadanía e as organizacións da UE, e a proporcionar información actualizada sobre seguridade en liña mediante a sensibilización e o intercambio de boas prácticas. Cada ano, durante todo o mes de outubro, levan a cabo centos de actividades en toda Europa, incluídas conferencias, talleres, formacións, seminarios web e presentacións, para promover a seguridade dixital.

É unha iniciativa coordinada pola Axencia de Ciberseguridade da Unión Europea (ENISA) e a Comisión Europea, e conta co apoio dos Estados membros da UE e centos de socios (gobernos, universidades, grupos de expertos, ONG, asociacións profesionais, empresas do sector privado) de Europa. Forma parte das accións deseñadas para desenvolver as disposicións sobre sensibilización e educación da Lei de Ciberseguridade da UE.

Que é a enxeñería social?

A Enxeñería social é unha técnica que empregan os ciberdelincuentes para gañar a confianza das persoas usuarias e conseguir así que faga algo baixo a súa manipulación e engano, como pode ser executar un programa malicioso, facilitar información sensible ou persoal ou comprar en sitios web fraudulentos.

A campaña chamará a atención de persoas de todas as idades sobre as diferentes técnicas de enxeñería social utilizadas polos atacantes. Proporcionaranse actividades e información para axudarlles a familiarizarse coas diversas formas de engano e así actuar con precaución.