Os días 12 e 13 de Abril celébrase a 4ª edición de Vicon, o Congreso de Ciberseguridade de Vigo

Imaxe

O que empezou en 2017 como un evento case ‘en familia’, onde un grupo de apaixonados da ciberseguridade se reunía para compartir coñecementos por medio de charlas nun ambiente distendido (perfectamente plasmado na súa denominación inicial de ‘Hack & Beers’), foi gañando peso específico, de modo que en 2019 decidiuse organizar un congreso anual, o Vicon, que na actualidade xa está consolidado como un evento de primeira liña no panorama da ciberseguridade nacional.

O auxe da disciplina e o bo facer da organización conseguen atraer a primeiros espadas nacionais da disciplina como David Marugán, David Meléndez e Gabriela García, sen esquecernos dos expertos galegos, como Alejandro Vázquez ou Manuel Regal. Desde a organización buscouse tamén dar visibilidade ao traballo do Grupo @ (arroba), especialistas en ciberseguridade dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado. Ademais, destacan polo seu interese os talleres prácticos, como o de ‘escalada de privilexios en Linux’ ou o de ‘Lockpicking’ (definido como a arte de abrir unha fechadura ou dispositivo de seguridade física mediante a análise ou manipulación dos seus compoñentes).

As persoas interesadas en asistir ao Vicon poden comprar as súas entradas nesta ligazón. Todos os eventos celébranse de maneira presencial no Círculo de Empresarios Galicia (en Vigo) os próximos 12 e 13 de abril.

Información relacionada