Publicada importante actualización de firmware para placas base Gigabyte

Imaxe

Recentemente, a compañía de seguridade de hardware Eclypsium fixo público un problema de seguridade atopado nunha característica lexítima utilizada polo fabricante Gigabyte para instalar actualizacións automáticas de software en Windows, tanto para procesadores Intel como AMD. Esta implementación insegura podería permitir a descarga e execución de código non verificado durante o arranque do sistema. 

A pesar de non ser, a priori, unha vulnerabilidade facilmente explotable, o estendido uso destas placas base e a gravidade das consecuencias no caso de que se achase un modo de facelo levaron a Gigabyte a moverse con rapidez e publicar actualizacións para todos os produtos afectados.

Por tanto a recomendación para todos os usuarios que dispoñan nos seus sistemas de placas basee Gigabyte das series Intel 400/500/600/700 e AMD 400/500/600 é instalar as últimas actualizacións de firmware para beneficiarse das correccións de seguridade.

Ademais, se se desexa eliminar a aplicación de actualización automática de Gigabyte, débese desactivar a configuración 'Periféricos -> APP Center Download & Install Configuration' na configuración da BIOS do equipo e logo desinstalar o software GigabyteUpdateService.exe en Windows.

Información relacionada