Tres empresas compiten pola execución do Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia

Imaxe

A Xunta recibiu tres ofertas de empresas para executar as obras do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia nos terreos do Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas, cun investimento de máis de 6 millóns de euros.

Prevese que a adxudicación das obras sexa en outono para poder empezalas a principios de 2024. Os traballos teñen un prazo de execución de 20 meses, polo que espérase que a posta en marcha do novo centro sexa en 2025.

A empresa adxudicataria construirá o edificio na parcela 3E da Tecnópole, cunha superficie útil de máis de 2.100 metros cadrados. O complexo acollerá os espazos de monitorización e xestión de ciberseguridade, áreas de traballo e concienciación, zonas de uso externo e locais de emprendemento e de aluguer para empresas privadas.

O Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia ten entre os seus obxectivos contribuír ao fortalecemento da ciberseguridade na contorna da administración pública, da cidadanía e das empresas; apoiar a innovación no sector produtivo mediante o logro da excelencia na investigación; así como o desenvolvemento de talento especializado en ciberseguridade.

 

Innovación en ciberseguridade

A Xunta impulsa o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia como punto de encontro entre a innovación en ciberseguridade e as necesidades da sociedade. Coa posta en marcha do edificio, a Comunidade dá un paso importante no camiño dunha Galicia intelixente que aposta polo crecemento da economía baseado nas tecnoloxías.

O centro traballará en colaboración coas deputacións provinciais, coas entidades locais, a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), coas universidades galegas e centros tecnolóxicos e de innovación e co tecido empresarial do sector.

Este proxecto materializarase a través da colaboración entre a Consellería de Facenda, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, responsable deste proxecto, e a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que acometerá as obras.

A intervención será financiada con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, do programa Next Generation UE.