Detectouse unha campaña de suplantación a Netflix, a través da técnica de phishing, a cal ten como obxectivo conseguir a información da persoa usuaria referente aos seus datos persoais e bancarios.
Consiste no envío de correos electrónicos, informando sobre que a subscrición á plataforma non puido ser renovada. A causa que alegan é que houbo un problema co proceso de pago coa entidade bancaria. Por iso, solicítaselle á persoa usuaria que acceda á ligazón que vén incluída no corpo do correo e que cubra o formulario cos seus datos persoais e bancarios para proceder ao pago da súa subscrición.
En caso de que recibises o correo ao que se fai referencia, aínda que non proporcionases ningunha información, márcao como correo non desexado e elimínao da túa bandexa de entrada.
Se proporcionaches os detalles da túa tarxeta de crédito ou información persoal a través dos formularios da web falsa, é importante que te comuniques co teu banco e informes sobre a situación para que poidan tomar as accións necesarias, como a cancelación da tarxeta que introduciches.