Apple corrixiu unha vulnerabilidade crítica de tipo zero-day que estaba a ser explotada en ataques dirixidos. A falla afecta ao compoñente dyld do sistema e permite a execución arbitraria de código. Recoméndase actualizar de inmediato os dispositivos.
Desde Ciberseguridade Galicia recoméndase á cidadanía, empresas e administracións públicas galegas aplicar estas actualizacións con carácter prioritario e manter unha política activa de actualización de dispositivos como medida esencial de protección fronte a ameazas avanzadas.
Que ocorreu
Apple publicou iOS 26.3 e iPadOS 26.3 corrixindo máis de 40 vulnerabilidades, entre elas a CVE-2026-20700.
A vulnerabilidade atópase en dyld, o cargador dinámico responsable da xestión e enlace de bibliotecas en iOS, iPadOS e macOS.
O fallo, provocado por unha xestión incorrecta do estado da memoria, pode permitir corrupción de memoria e execución remota de código se é explotado con éxito.
Contexto da ameaza
Segundo a información publicada, a vulnerabilidade foi utilizada en ataques altamente sofisticados contra persoas concretas.
A cadea de ataque podería iniciarse mediante phishing ou exploits zero-click, combinándose posteriormente con outras vulnerabilidades para lograr persistencia ou escalada de privilexios.
Aínda que os ataques parecen dirixidos, calquera dispositivo sen actualizar permanece en risco.
Impacto potencial
- Execución remota de código
- Instalación de spyware persistente
- Exfiltración de datos
- Escalada a privilexios de sistema
- Ademais corrixíronse vulnerabilidades en WebKit, Kernel e Sandbox que poderían facilitar cadeas de explotación máis complexas.
Medidas recomendadas
Para a cidadanía
- Actualizar inmediatamente desde Axustes > Xeral > Actualización de software
- Activar as actualizacións automáticas
- Evitar ligazóns sospeitosas ou campañas de phishing
Para empresas e administracións públicas
- Verificar o cumprimento da actualización mediante solucións MDM
- Revisar rexistros de seguridade e comportamentos anómalos
- Aplicar políticas de actualización forzada en dispositivos corporativos
- Avaliar a exposición de dispositivos non xestionados
- Manter os sistemas actualizados continúa a ser unha das medidas máis eficaces para reducir a superficie de exposición fronte a vulnerabilidades críticas e ameazas avanzadas.