Ata o 13 de abril estará aberto o prazo de inscrición para a segunda edición do curso de Xestor Certificado de Seguridade da Información. O curso está dirixido a conseguir a certificación CISM, certificación líder recoñecida internacionalmente para xestores de seguridade da información emitida pola entidade certificadora ISACA.
Os obxectivos deste curso son:
Explorar a importancia do goberno da seguridade da información no contexto do goberno global da empresa.
Identificar e analizar os requisitos legais e contractuais que afectan á empresa.
Explicar a importancia das métricas no desenvolvemento e avaliación da estratexia de seguridade da información.
Aplicar estratexias de avaliación de riscos para reducir o impacto do risco de seguridade da información.
Valorar os tipos de ameazas ás que se enfronta a empresa.
Sintetizar os compoñentes e recursos empregados para desenvolver un programa de seguridade da información.
Describir os procesos e resultados relacionados coa recuperación ante desastres.
Explicar o impacto das métricas e das probas ao avaliar o plan de resposta a incidentes.
Este curso está dirixido especialmente a xestoras/es experimentados en seguridade da información que teñen responsabilidades de xestión de seguridade da información, consultoras/es informáticos, auditores/as, xestores, oficiais de privacidade, oficiais de seguridade da información, administradoras/es de rede, administradores/as de dispositivos de seguridade, enxeñeiras/os de seguridade, etc
Información relevante do curso de Xestor Certificado de Seguridade da Información:
Modalidade virtual.
Número de prazas limitado a 20 prazas.
Unha vez finalizado o prazo de inscrición, o 24 de abril realizarase unha proba de selección presencial no CNTG en Santiago de Compostela, que constará dunha proba técnica.
A duración do curso será de 30 horas.
O curso desenvolverase do 12 ao 21 de maio co seguinte horario: de luns a xoves de 16:30 a 20:30 horas e o venres de 16:30 a 18:30.
A matrícula é gratuíta, inclúe o diploma de asistencia e a opción gratuíta dun exame de certificación oficial.
Para obter máis información sobre o curso, pódese acceder ó seguinte enlace da páxina web do CNTG, onde se atopa toda a información detallada e onde se poderá realizar a inscrición: Curso - Xestor Certificado de Seguridade da Información (CISM) .
Estas formacións gratuítas forman parte do investimento que fai a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración no marco do proxecto do Centro de Innovación e Competencia en Ciberseguridade, no contexto do Programa RETECH. No proxecto do Centro participan as comunidades de Galicia, Cataluña e Valencia, estando liderado desde a rexión galega pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).