#CiberseguridadeTVG – Consellos de Inés Amor, portavoz da Policía Nacional, para evitar caer nunha ciberestafa

Imaxe

Nunha entrevista no programa “Quen anda aí?” da TVG, Inés Amor, portavoz da Policía Nacional, aproveitando a detención dunha presunta autora de 15 delitos de ciberestafa na Coruña, explica o funcionamento sobre diferentes tipos de fraudes dixitais: phishing, vishing ou fraude telefónico bancaria.

Inés explica que os estafadores se comunican coas súas vítimas a través de chamadas telefónicas, mensaxes de texto ou correos electrónicos falsos. Fanse pasar por representantes bancarios e fan que o número de teléfono real do banco apareza na pantalla do teléfono da vítima. 

Os cibercarrachos tentan crear unha situación de emerxencia para presionar á vítima e facer que transfira diñeiro de forma apresurada. A policía advirte que ningún banco pedirá aos clientes que transfiran diñeiro para resolver problemas de seguridade da conta.

Ademais, as persoas expertas recomendan que, sen importar como se presente a chamada, nunca se debe confiar cegamente en solicitudes relacionadas con información bancaria ou persoal. Se se recibe unha chamada sospeitosa, suxírese colgar de inmediato e, en caso de dúbida, chamar directamente ao banco ou entidade solicitante da información. 

Por último, se se sospeita de fraude, o mellor é acudir persoalmente a unha sucursal bancaria ou á entidade en cuestión e non tomar decisións apresuradas baixo presión.

Para ver a entrevista completa, acceder á seguinte ligazón: Consellos de Inés Amor, portavoz da Policía Nacional, para evitar caer nunha ciberestafa