Observatorio de Ciberseguridade Industrial: novos informes técnicos ao servizo do ecosistema galego

Imaxe

O Observatorio nace como un eixo estratéxico orientado á análise de tendencias, ameazas, riscos e oportunidades vinculadas á ciberseguridade industrial, coa finalidade de reforzar a capacidade de anticipación, planificación e resposta das organizacións galegas nun escenario tecnolóxico cada vez máis interconectado. Esta iniciativa enmárcase no proxecto impulsada por AMTEGA no contexto da Rede de Laboratorios e Centros Demostradores de Ciberseguridade da Xunta de Galicia, dentro do programa RETECH, co apoio do PRTR-NextGenerationEU e conforme ao marco de referencia establecido por INCIBE. 

 

Como parte desta labor, o Observatorio irá publicando de maneira progresiva distintos informes técnicos e materiais especializados dirixidos a administracións públicas, empresas, operadores de servizos esenciais, responsables de planta, responsables de tecnoloxía e profesionais vinculados ás redes e ambientes ICS/OT. O obxectivo é ofrecer unha visión estruturada, útil e aplicada sobre o estado da ciberseguridade industrial, combinando enfoque divulgativo, análise técnica e valor práctico para a toma de decisións. 

 

Nesta primeira fase publicaronse xa sete entregables que permiten ofrecer unha visión complementaria do contexto actual: 

 

No seu conxunto, estes documentos achegan valor ao combinar análise técnica, contexto estratéxico e utilidade práctica, facilitando tanto a comprensión do risco como a identificación de oportunidades de mellora, colaboración e posicionamento. Trátase dun conxunto de materiais pensados para apoiar a madurez do ecosistema galego de ciberseguridade industrial desde unha perspectiva transversal. 

 

A planificación do Observatorio prevé, ademais, a publicación de novos contidos ao longo dos vindeiros meses. 

 

Dende Amtega anímase ás entidades interesadas —especialmente responsables de planta, responsables de tecnoloxía, persoal técnico e de seguridade de redes industriais, xa sexa de entidades privadas ou administracións públicas— a permanecer atentas ás próximas publicacións do Observatorio, que continuarán ampliando e actualizando esta liña de contidos especializados. 

 

O avance da dixitalización industrial, a converxencia entre IT e OT, a evolución das ameazas e o peso crecente do marco regulatorio fan necesario dispoñer de referencias solventes, accesibles e adaptadas ás necesidades reais do territorio. Con esta liña de publicacións, o Observatorio de Ciberseguridade Industrial aspira a contribuír a ese obxectivo, fortalecendo o coñecemento compartido e a resiliencia do ecosistema galego.