Nas últimas semanas entrou en vigor o artigo 66.1.b) da Lei 11/2022, do 28 de xuño, Xeral de Telecomunicacións que dispón o seguinte:
“Respecto á protección de datos persoais e a privacidade en relación coas comunicacións non solicitadas os usuarios finais dos servizos de comunicacións interpersoais dispoñibles ao público baseados na numeración terán os seguintes dereitos:
(...) b) a non recibir chamadas non desexadas con fins de comunicación comercial, salvo que exista consentimento previo do propio usuario para recibir este tipo de comunicacións comerciais ou salvo que a comunicación poida ampararse noutra base de lexitimación das previstas no artigo 6.1 do Regulamento (UE) 2016/679 de tratamento de datos persoais (…)”.
Esta nova regulación implica un cambio respecto do disposto na derrogada Lei 9/2014, do 9 de maio, Xeral de Telecomunicacións en cuxo articulado se recoñecía ás persoas usuarias o dereito “a opoñerse a recibir chamadas non desexadas con fins de comunicación comercial que se efectúen mediante sistemas distintos dos establecidos na letra anterior [chamadas automáticas sen intervención humana] e a ser informado deste dereito”.
A Axencia Española de Protección de Datos emitiu a Circular 1/2023, do 26 de xuño, sobre a aplicación da Lei 11/2022, do 28 de xuño, Xeral de Telecomunicacións, coa finalidade de fixar os criterios que rexerán a actuación deste organismo, delimitando o seu ámbito de aplicación, concretando determinados aspectos das bases lexitimadoras do tratamento aplicables e establecendo certas garantías para as persoas usuarias.
Que implica esta nova regulación respecto das chamadas comerciais?
-
Recibirás chamadas comerciais se previamente deches o teu consentimento. Dito consentimento ten que ser acorde ao esixido polo Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXPD), isto é, o consentimento debe darse mediante un acto afirmativo claro que reflicta a túa manifestación de vontade libre, específica, informada, e inequívoca de aceptar o tratamento dos teus datos de carácter persoal, como unha declaración por escrito, inclusive por medios electrónicos, ou unha declaración verbal. Por tanto, o silencio, as casas xa marcadas ou a inacción non deben constituír consentimento. O consentimento debe darse para todas as actividades de tratamento realizadas co mesmo ou os mesmos fins. Cando o tratamento teña varios fins, debe darse o consentimento para todos eles.
-
No caso que unha empresa queira alegar un interese lexítimo en realizarche chamadas comerciais, é necesario que mantiveras unha relación previa con ela, por exemplo, adquirindo os seus produtos ou servizos, e que os servizos ou produtos ofertados na chamada sexan similares aos adquiridos anteriormente por ti. Con todo, lembra que non podes recibir chamadas doutras empresas relacionadas coa que ti mantiveses dita relación, nin sequera pertencendo ao mesmo grupo de empresas.
-
Se a túa relación contractual coa empresa ofertante xa non está en vigor, e non realizaches ningún tipo de contacto con esta no último ano, non podes ser obxecto de chamadas.
-
Se o teu número de teléfono figura nunha guía de abonados so poderá ser empregado para chamadas comerciais se deches previamente o teu consentimento, aspecto que debe constar, de xeito xeral, na propia guía.
-
Se te rexistraches nun sistema de exclusión publicitaria como o é a Lista Robinson, as empresas que realizan chamadas comerciais están obrigadas a consultar ditos sistemas, polo que só te poderán chamar aquelas empresas ás que prestaras o teu consentimento.
-
Se es unha persoa de contacto na entidade na que traballes poderás recibir chamadas comerciais pero só para relacionarse comercialmente coa entidade e non contigo a nivel persoal.
-
Se es un empresario ou profesional liberal só poderán realizarche chamadas comerciais referidas a servizos ou produtos relacionados coa túa propia actividade e nunca a título persoal.
-
Lembra que ao inicio da chamada deben informarte dos seguintes puntos:
-
identidade da empresa ou persoa pola conta da cal te chaman;
-
indicar a finalidade comercial da chamada;
-
informar sobre a posibilidade de revogar o consentimento ou exercer o dereito de oposición a recibir chamadas comerciais non desexadas. Ten en conta que calquera manifestación inequívoca túa contraria á recepción destas chamadas debe entenderse como revogación do consentimento ou, no seu caso, o exercicio do dereito de oposición, polo que debe atenderse a esta petición por parte da entidade comercializadora inmediatamente.
Podes consultar máis información en www.aepd.es