Coidado coas ofertas de traballo falsas:

Imaxe

Quen non soñou algunha vez cun traballo que requira de pouco esforzo e estea moi ben pago? 

Desde comezos do século XXI, o mercado laboral experimentou unha transformación radical grazas ás Tecnoloxías da Información, e non só pola irrupción de traballos tecnolóxicos que requiren de gran capacitación, ou polo uso de sistemas informáticos que facilitan ou achegan valor engadido a calquera tarefa. Mesmo nas áreas que requiren de escasa ou nula especialización en habilidades informáticas hai un proceso que migrou case por completo ao espazo virtual: a oferta e procura de emprego. Tanto para empregadores como para demandantes, os procesos volvéronse máis simples e efectivos.

Con todo, esta dixitalización tamén deu lugar a un aumento das estafas relacionadas con ofertas de emprego, polo que se fai necesario dispoñer de información que che axude a detectalas e evitar caer nelas. 

Este tipo de estafas aproveitan a accesibilidade e o alcance dos servizos en liña para explotar a necesidade vital de ter un traballo remunerado. Os estafadores utilizan sitios web de procura de emprego e redes sociais (sobre todo as profesionais, como LinkedIn) para facer públicas as súas ofertas de traballo fraudulentas. Tamén utilizan medios de apelación directa para chegar ás posibles vítimas: mensaxes de correo electrónico que imitan comunicacións lexítimas (phishing) ou a través de mensaxería instantánea.

É importante fixarse en que os métodos que abordan directamente ás posibles vítimas adoitan requirir de información previa: direccións de correo electrónico, números de teléfono… Canto máis detallados sexan os datos dos que dispoñen os malfeitores, máis verosímil será o engano e contará con maiores probabilidades de éxito. Por iso, o primeiro consello é que teñas coidado cos teus datos persoais que poidan estar accesibles na internet. A práctica coñecida como Ego Surfing (buscar información na rede acerca de uno mesmo) permíteche detectar estes datos, concienciarte do perigo que supoñen e tratar de evitalo tomando medidas para que deixen de estar dispoñibles.

Atopar o traballo ideal non adoita ser sinxelo, polo que, se alguén descoñecido che ofrece un traballo ‘demasiado bo para ser verdade’, o máis probable é que esteas ante unha oferta falsa. Existen numerosas estafas relacionadas con ofertas de emprego e polo xeral trátase de supostos traballos moi atractivos: ben remunerados e que non necesitan de formación ou experiencia específicas. En canto ás vítimas, as persoas mozas entre 20 e 35 anos constitúen o grupo demográfico máis afectado por estas estafas laborais. 

Ademais do sentido común, que ten que alertarte fronte ofertas sospeitosas, existen varios sinais que che axudarán a detectar unha oferta de emprego falsa:

  • Chégache por Whatsapp unha proposta ofrecendo un traballo que ti non solicitaches. Con certeza case total, a oferta vai ser falsa.
  • Ves un anuncio nunha rede social ou laboral. Máis aló do estupendas que sexan as condicións, unha dirección de contacto dun servizo de correo electrónico gratuíto (gmail, outlook) ou un número de teléfono estranxeiro son indicios relevantes para desconfiar.
  • A redacción é pobre ou con faltas de ortografía: aínda que na actualidade os servizos de Intelixencia Artificial Xenerativa permiten unha redacción correcta en calquera idioma, en ocasións faise á mantenta para descartar ás vítimas desconfiadas e centrarse nas máis crédulas ou necesitadas.
  • Tras un primeiro contacto positivo (mesmo poida que che sexa ingresada unha cantidade monetaria pequena na túa conta), pídeseche que efectúes un pago con calquera escusa:  acceder a mellores negocios, axilizar os trámites, pagar un seguro, un equipo de traballo ou unha formación… Se pagas unha vez, tentarán que pagues máis, ata que desaparezan sen deixar rastro.

Se o traballo involucra mover cantidades monetarias primeiro ás túas contas bancarias e logo a un servizo de envío de diñeiro como Western Union ou Money Gram, a pretensión dos estafadores é utilizarte como ‘mula’ ou ‘mulero’: alguén que lles permite ocultar o rastro do diñeiro ilegal, deixándote a ti como responsable ante a lei.

En ocasións, o propósito dunha oferta de traballo falsa non é obter un beneficio económico inmediato senón a simple recompilación de datos que, como xa vimos, permitirán preparar unha estafa máis elaborada e por tanto máis crible. É necesario que prestes atención aos sinais de alarma tamén antes de facilitar os teus datos persoais ou bancarios; estes últimos pedirachos calquera empregador para poder efectuar o pago polo teu traballo, pero só debes proporcionalos despois de asinar un contrato laboral. 

Como conclusión, é fundamental que se estás a buscar emprego te mantéñas alerta e verifiques a lexitimidade das ofertas de traballo antes de chegar a calquera tipo de compromiso. 

Algunhas estratexias que debes ter en conta para previr estas estafas:

  • Independentemente do medio polo que che chegue a oferta, verifica a existencia real da empresa. Chama ao teléfono oficial, ou mesmo podes acudir a algunha sede ou delegación en persoa, para preguntar pola oferta que recibiches.
  • Whatsapp non é unha canle adecuada para enviar ofertas de emprego: se recibes algunha por este medio a desconfianza debe ser máxima. 
  • Tanto se recibes unha mensaxe de maneira directa coma se te engaden a un grupo de Whatsapp, é necesario que o remitente dispoña dos teus datos de contacto (no caso do grupo, tamén do teu consentimento). Podes preguntar ao remitente por que che chega a oferta a ti e de onde obtivo os teus datos, pero ten sempre presente o punto anterior.
  • Non realices ningunha actividade remunerada sen asinar un contrato de traballo acorde á lei nin proporcións os teus datos bancarios antes da firma do contrato.
  • Tampouco realices pagos, nin para supostos seguros, nin para axilizar supostos trámites, nin para adquirir suposto material de traballo.
  • Desconfía de ofertas demasiado boas para ser verdade, especialmente se che transmiten sensación de urxencia para que tomes decisións.
  • Evita proporcionar información persoal en resposta a unha solicitude inesperada, xa sexa por teléfono ou por Internet.
  • En ningún caso proporciones contrasinais nin códigos de operativa bancaria, nin por teléfono nin por ningún outro medio.
  • Busca na internet os datos da oferta que recibiches. Se é unha fraude, é probable que atopes información sobre a mesma ou outra similar.

E lembra: sempre que detectes unha estafa, enganárante ou non, informa ás autoridades. Axudarás a previr novas estafas, e ademais recibirás axuda se a necesitas.