Do Sexting á Sextorsión

Nos últimos anos son moitos os termos anglosaxóns vinculados ao ciberespazo que conviven connosco. Como seguro xa sabes, un dos máis preocupantes, sobre todo en idades máis temperás, é o do sexting.

A palabra fai referencia ao envío de materiais con connotación sexual a través de internet. Trátase dunha práctica de risco que, sobre todo nos últimos anos, experimentou un aumento significativo entre as persoas adolescentes, que aproveitan as novas tecnoloxías para relacionarse cos seus iguais, explorar a súa sexualidade e buscar novas experiencias.

A pesar de supoñer un risco para quen o practica, o certo é que o sexting non supón como tal a comisión dun delito, a condición de que o envío do material se faga de maneira libre e voluntaria e con coñecemento total das implicacións que ten todo o que compartimos a través de internet. E, por suposto, sendo conscientes de que, a única forma de que un contido non se difunda de maneira incontrolada é non compartilo con ninguén en ningún momento.

É fundamental abandonar toda sensación de falsa seguridade e partir sempre do seguinte principio: unha vez que os comentarios, imaxes ou vídeos abandonaron o noso teléfono perdemos o control sobre eles. E é importante telo sempre presente, xa que a función de “visualización única” (que permite enviar fotos e vídeos que só se van a mostrar unha vez antes de seren borrados automaticamente, e está dispoñible en varias aplicacións de mensaxería instantánea e redes sociais) non protexe realmente as nosas fotos ou vídeos, xa que poderían seguir sendo compartidas con outras persoas a través de capturas ou fotografías da pantalla.

Pero que pasa cando a persoa non envía o material íntimo de maneira libre e voluntaria?

Nalgunhas ocasións pode darse o caso de que unha persoa poida ser enganada, presionada ou ameazada para envialo, dando lugar ao que se coñece como sextorsión, unha práctica fraudulenta na que a ciberdelincuente ameaza á vítima coa revelación de suposto contido sensible seu se non realiza as accións que lle ordena. Tamén convén ter en conta que ningún sistema é seguro ao 100%, e son coñecidos varios casos nos que este tipo de material foi extraído por métodos ilegais dos equipos ou contas de usuario de persoas que o tiñan gardado sen intención de distribuílo. 

En calquera caso, temos que incidir en que cando unha persoa comparte o seu contido íntimo de forma consciente e voluntaria está a facelo exclusivamente coa persoa destinataria. Isto non implica en ningún caso que a persoa destinataria teña dereito a utilizalo de ningún xeito para un fin distinto, como reenvialo ou realizarlle capturas de pantalla. De producirse algunha destas prácticas, esa persoa destinataria podería estar a incorrer nun delito de descubrimento ou revelación de segredos, que afecta directamente á intimidade das persoas e está recollido no Código Penal español. Nos casos nos que medie ou tivese mediado relación de afectividade entre a vítima e o atacante as penas poderían verse agravadas podendo incorrer nun delito de ciberviolencia de xénero.

Ademais do contemplado polo Código Penal, a lexislación en materia de protección de datos persoais prohibe tamén a difusión sen o noso consentimento de información que permita identificarnos. De feito, a través da Canle Prioritaria da Axencia Española de Protección de Datos podes solicitar a retirada inmediata de calquera tipo de material de carácter sexual ou violento do que teñas constancia, detallando debidamente as circunstancias que coñezas do feito: información de agresores, vítima…

No caso de teres algunha dúbida neste ou outro sentido, tamén podes chamar ao Instituto Nacional de Ciberseguridade a través do 017. Trátase dun servizo de ámbito nacional, gratuíto e confidencial, e o seu principal obxectivo é axudar ás persoas para resolver calquera tipo de dúbida relacionada co ciberespazo e a navegación segura.

Por último, antes de compartir calquera tipo de contido, sobre todo se é íntimo, ten en conta o seguinte:

  • Participar dalgunha forma na creación ou compartición de materiais de contido sexual supón de seu unha práctica de risco.
  • Se recibes este tipo de materiais de maneira lexítima dentro dunha relación, tanto estable como casual, en ningún caso podes compartilos con ninguén sen o permiso explícito de quen chos enviou. Se non os vas borrar, toma medidas de seguridade razoables para evitar accesos non desexados.
  • Se recibes este tipo de materiais doutra persoa que non sexa quen os creou, nunca os difundas. Bórraos e solicita ao remitente que deixe de compartilos, e tamén os elimine. Lembra tamén que, en España, quen ten constancia dun delito ten a obriga de denuncialo ás autoridades.
  • Sempre que poidas informa ás persoas implicadas e, se es menor, tamén a un adulto. Calquera outra acción podería chegar a supoñer a túa participación nun delito.
  • Evita ceder ante presións ou chantaxes: se es vítima de sextorsión a opción máis segura será denuncialo e pedir axuda e protección.

 

Porque en ciberseguridade cada clic conta.