Microsoft dá por finalizado o ciclo de soporte (gratuíto) de Windows 10

Imaxe

Segundo unha estimación de maio de 2025, no mundo podíanse contabilizar máis de 500 millóns de equipos informáticos con algunha das versións do sistema operativo Windows 10, tendo o liderado entre os sistemas operativos para ordenadores de usuario. É previsible que en outubro de 2025, cando remata o soporte oficial deste sistema operativo, unha porcentaxe importante deses equipos continúen funcionando con Windows 10, o que supón un problema global de ciberseguridade.

Windows 10 foi lanzado oficialmente o 29 de xullo de 2015. Ese día comezou a súa dispoñibilidade en todo o mundo como unha actualización gratuíta para usuarios de Windows 7 e Windows 8.1

Entre os sistemas operativos hai versións que, polas súas características, se fan populares e outras que non chegan a triunfar. No caso da familia Windows de Microsoft, os usuarios déronlles as costas a versións como Windows Vista ou Windows 8, mentres que outras como Windows XP ou Windows 7 tiveron gran aceptación e houbo quen as mantivo activas moito máis alá do seu ciclo de soporte. Windows 10 é unha desas versións 'populares', e os detractores de Windows 11 esgrimen argumentos de certo peso para se resistiren ao cambio. O principal céntrase nuns requisitos de hardware restritivos que en moitos casos obrigan a cambiar de equipo para poder instalar o sistema operativo novo, o que se interpreta como un exercicio de obsolescencia programada para equipos que aínda poden desempeñar tarefas comúns con fluidez.

Existen outras queixas, como o aumento de aplicacións non útiles preinstaladas (bloatware), ou a aparición de anuncios no sistema, aspecto que se considera moi intrusivo.

Sen querer entrar no fondo desa resistencia ao cambio, existe unha razón primordial pola que o sistema operativo Windows 10 debe ser substituído o antes posible, ou polo menos deben tomarse precaucións adicionais mentres se decide sobre esa substitución: o 14 de outubro de 2025 Microsoft deixa de proporcionar o soporte oficial de Windows 10.

Isto non quere dicir que os equipos con Windows 10 vaian deixar de funcionar o día 15 de outubro, o problema é outro: sen soporte, cada nova vulnerabilidade que se descobre (e seguiranse descubrindo vulnerabilidades), non será corrixida. Os equipos con Windows 10 serán cada vez máis inseguros e porán en risco a información que conteñen, as tarefas que desempeñan e mesmo as infraestruturas tecnolóxicas nas que están situados.

Non é unha predición apocalíptica, pasou en ocasións anteriores. Recentemente publicouse un experimento no que se conectou a internet un equipo con Windows XP. En dez minutos fora detectado e comprometido por cibercriminais. A idea principal é que calquera equipo conectado a internet vai estar sometido a escrutinio e as súas defensas postas a proba. Máis alá de demostracións académicas, en 2017 o ransomware WannaCry expandiuse de maneira fulgurante aproveitando unha vulnerabilidade dun protocolo de comunicación en rede dos sistemas operativos de Windows. O parche que solucionaba o problema existía desde dous meses antes do comezo do ataque, pero en moitos casos eses parches aínda non foran aplicados, e directamente non existían para sistemas operativos fóra de soporte. Como efecto colateral, este ataque levou ao primeiro plano a imperiosa necesidade de manter os equipos correctamente actualizados, pero, que se pode facer cos equipos que xa non se poden actualizar? Sen parches de seguridade, cada vulnerabilidade quedará aberta e exposta. Sen soporte técnico, Microsoft deixará de atender incidencias. Os equipos volveranse cada vez máis vulnerables.
Se, a pesar deste panorama, aínda queres manter o teu Windows 10 e prescindir de actualizalo a Windows 11, unha operación que é gratuíta pero só funciona nos equipos compatibles, aínda dispós de varias opcións:

Comezaremos polo programa de Actualizacións de Seguridade Estendidas (Extended Security Updates, ESU). Previo pago, permitirá seguir recibindo actualizacións de seguridade críticas e importantes despois do fin do soporte oficial de Windows 10. Non inclúe novas funcións, soporte técnico xeral nin correccións de erros non relacionados con seguridade. 

Para usuarios domésticos (Windows 10 Home e Pro) de países do Espazo Económico Europeo, Microsoft anunciou que o acceso ao programa ESU será gratuíto durante o primeiro ano.

Se se quere contar con este servizo desde fóra do Espazo Económico Europeo, o prezo é de 30 dólares ou 1.000 puntos Microsoft Rewards para dispoñer do servizo ata outubro de 2026. 

Sempre será necesario ter instalada a versión Windows 10 22H2 e activar o servizo desde o menú de Windows Update.

Tamén para usuarios domésticos, ofrécese a opción de acceder gratuitamente ao programa ESU durante o primeiro ano se se activa a función Windows Backupse sincroniza a configuración cunha conta de Microsoft. En principio o acceso non ten custo, aínda que Microsoft promove o uso de One Drive, e o espazo gratuíto de 5 GB por conta pode non ser suficiente para almacenar as copias de respaldo, co que posiblemente habería que contratar máis.

No caso de empresas e organizacións, o prezo por equipo aumenta e será crecente cada ano: 61 dólares cada dispositivo o primeiro ano, 122 dólares o segundo e 244 dólares o terceiro ano, rematando en outubro de 2028. Ademais, hai que ter en conta que o servizo ESU non se pode comprar por períodos parciais (p.e. 6 meses), e se se adquire, por exemplo, no segundo ano, tamén se debe pagar o primeiro (modelo acumulativo).

O soporte deberá ser xestionado a través do programa de licenzas por volume de Microsoft.

Existe outro servicio, externo a Microsoft, que se pode contratar para dispoñer de ata cinco anos de parches de seguridade para equipos con Windows 10. Trátase de 0Patch, un servizo desenvolvido por Acros Security que ofrece microparches de seguridade para sistemas operativos e aplicacións, mesmo despois de que o fabricante deixase de ofrecer soporte oficial. A maioría das análises coinciden en que 0Patch é unha solución válida e eficaz para usuarios que non poden ou non queren migrar a Windows 11, especialmente se buscan manter a seguridade sen grandes investimentos. Sen embargo, non é unha solución universal e cada usuario ou organización debe avaliala segundo o seu contexto técnico e operativo.

Finalmente, se se quere dispoñer dun sistema gratuíto e actualizado que funcione en equipos que non dispoñan das características exixidas por Windows 11, sempre queda a posibilidade de migrar a Linux, con distribucións como Ubuntu  ou Mint, as máis estendidas nos contornos domésticos. En contornos empresariais non é unha opción recomendable, xa que se podería resentir a integración con distintos servizos corporativos.

No caso de que, malia todo o exposto, decidas manter Windows 10 no teu equipo e non pagar ningún servizo de actualizacións adicional (nin activar o servizo gratuíto o primeiro ano), ten en consideración que vas traballar cun sistema cada vez máis inseguro fagas o que fagas. Calquera recomendación para mellorar a súa ciberseguridade nesas condicións proporcionaría unha falsa sensación de protección, polo que neste artigo non se entrará nesa análise.

Como conclusión, se tes un equipo con sistema operativo Windows 10 e tes motivos sólidos para non actualizalo a Windows 11, dispós de opcións que prolongarán a súa vida funcional en condicións razoables de prezo e seguridade. 

Lembra que a ciberseguridade é un investimento, non un gasto. Se co paso do tempo o teu equipo non se ve comprometido, terá sido un bo investimento. Se te arriscas e sofres un ciberataque, disporás da dolorosa evidencia de que ao decidir non pagar por mellorar a túa seguridade non estabas aforrando.