Mes Europeo da Ciberseguridade 2025 e o V Encontro Galego de Ciberseguridade

Imaxe

Unha campaña europea para reforzar a resiliencia dixital

Desde o ano 2012, a Unión Europea celebra cada mes de outubro o Mes Europeo da Ciberseguridade, unha iniciativa impulsada pola Comisión Europea e ENISA que busca promover un uso máis seguro e responsable da tecnoloxía. Esta campaña de sensibilización pretende achegar a ciberseguridade á cidadanía, ás administracións e ás empresas mediante consellos prácticos e mensaxes clave que contribúan a reducir riscos e reforzar a confianza no contorno dixital.

En 2025, o lema principal céntrase en reforzar a nosa capacidade de resposta fronte ás novas formas de ataque dixital.

Aínda que o phishing e o ransomware seguen a ser frecuentes, cada vez cobran máis relevancia ataques emerxentes que requiren atención e prevención:

  • Deepfakes: vídeos ou audios manipulados con intelixencia artificial que se fan pasar por unha persoa real para enganar a vítimas ou suplantar a directivos.
      Recomendación: desconfía de mensaxes inesperadas en formato multimedia e confirma a identidade por outra canle segura.
     
  • QRishing: códigos QR fraudulentos que redirixen a páxinas web maliciosas para roubar credenciais ou instalar malware.
      Recomendación: escanea unicamente códigos de confianza e verifica sempre a URL antes de introducir información persoal.
     
  • Ataques á cadea de subministración: os ciberdelincuentes buscan comprometer a provedores ou terceiros para acceder a empresas clientes, introducindo vulnerabilidades en software ou servizos externos.
      Recomendación: reforza as auditorías de seguridade aos teus provedores e aplica políticas estritas de actualización e control.

 

Consellos prácticos de ciberseguridade

- Mantén os dispositivos sempre actualizados cos últimos parches de seguridade.
- Utiliza contrasinais robustos e únicos para cada servizo, complementados con autenticación multifactor.
- Realiza copias de seguridade periódicas e comproba que son recuperables.
- Descarga unicamente aplicacións e arquivos desde fontes verificadas.
- Presta atención a correos ou mensaxes que xeren urxencia ou presión.

 

O Encontro do Nodo Ciber.gal

En paralelo a esta campaña europea, en Galicia celebrarase o Encontro do Nodo Ciber.gal, un espazo de referencia que reunirá a administracións, empresas, profesionais e cidadanía para compartir experiencias, difundir boas prácticas e fortalecer o ecosistema galego da ciberseguridade.

A participación será gratuíta, en modalidade tanto presencial como en liña, e moi pronto publicarase toda a información na web de Ciberseguridade de Galicia.