O V Encontro CIBER.gal celebrarase do 5 ao 7 de novembro

Imaxe

O Nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal, da man da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e en co-organización co Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG), celebrará os días 5, 6 e 7 de novembro a V edición do Encontro CIBER.gal, o evento de referencia do sector da ciberseguridade en Galicia.

O evento levarase a cabo no Edificio Fontán e inmediacións da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, e será o punto de encontro de persoas expertas, profesionais, empresas referentes do tecido empresarial galego, entidades locais, estudantes e público xeral para abordar os retos e oportunidades que presenta a seguridade na contorna dixital actual.

Nesta nova edición, o programa principal do V Encontro CIBER.gal desenvolverase durante as mañás dos tres días, estruturado en bloques diferenciados: o primeiro día estará dedicado ás Administracións Públicas, o segundo día centrarase no ámbito empresarial e o último día estará orientado aos escolares e á cidadanía en xeral. Como novidade, as tardes estarán reservadas para espazos de exposición e presentación a cargo das entidades patrocinadoras do evento.

Na súa última edición, o Encontro CIBER.gal contou co respaldo de máis de 50 entidades colaboradoras e patrocinadoras, e acolleu máis de 35 actividades, batendo récord de inscricións presenciais, con máis de 2.100 rexistrados.

A inscrición para o V Encontro CIBER.gal, xunto co programa detallado, e toda a información relevante, estarán dispoñibles próximamente no sitio web oficial do V Encontro CIBER.gal.

Ademais, o Encontro CIBER.gal contará novamente cunha xornada previa que se celebrará o 11 de xuño no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) en San Cibrao das Viñas (Ourense). Esta xornada está destinada principalmente ao tecido empresarial e industrial, e centrarase en aspectos  de actualidade como as novidades normativas en materia de ciberseguridade, a ciberseguridade no ámbito do tecido industrial, novas oportunidades de financiación e cómo as empresas poden protexerse eficazmente ante a ciberdelincuencia. Asimesmo, incluirá una sesión específica sobre ciberseguridade nos vehículos conectados.