Áreas de traballo

Nun contexto de transformación dixital global, a necesidade de aplicar medidas e políticas de ciberseguridade determínase como indispensable, polo que é oportuno a creación dunha estrutura de cooperación en Galicia no ámbito da ciberseguridade, que promova e dinamice a cooperación entre institucións, empresas e sociedade para facer fronte ao reto de vivir nunha contorna segura, xurdindo así CIBER.gal, o nodo galego de competencias en ciberseguridade.

O ámbito de actuación deste nodo inclúe a prestación de servizos de ciberseguridade a distintos axentes no ámbito de Galicia (cidadanía, sector público autonómico, concellos, PEMES, etc.) así como o fomento do talento e a coordinación da I+D+i en ciberseguridade que se realice en Galicia.

Imaxe
Áreas de traballo CIBER.gal

Ciberseguridade para a Sociedade

Nunha contorna cada vez máis dixitalizado é importante que as persoas se comprometan coa seguridade. Os usuarios están cada vez máis preocupados pola seguridade, pero aínda é necesario mellorar a concienciación e a formación básica para evitar a exposición aos riscos derivados do uso do ciberespazo e saber actuar ante os ataques cada vez máis frecuentes e de maior impacto.

Ciberseguridade para a Empresa

As empresas requiren mellorar as súas capacidades dixitais para acceder a un mercado máis amplo, incrementando así a súa competitividade. Paralelo a este desenvolvemento requírese incrementar tamén as súas capacidades no campo da  ciberseguridade para protexer os seus activos e garantir tamén a seguridade dos seus clientes e dos servizos que ofrecen.

Ciberseguridade para a Administración Pública

As administracións galegas, tanto autonómicas como locais teñen entre as súas prioridades garantir a seguridade nas súas actividades e infraestruturas para o que desenvolven actividades para a formación dos empregados públicos e investimentos para a mellora e actualización constantes dos seus sistemas que permita prestar os seus servizos de maneira segura para a cidadanía.

Fomento do talento

A falta de persoal cualificado neste sector é un problema a nivel internacional, e por tanto, tamén a nivel rexional, motivo polo que nos últimos anos desde Galicia está a facerse un esforzo importante en mellorar a formación e concienciación de empresas e sociedade no ámbito da seguridade.  CIBER. gal apoia a potenciación do talento a través de iniciativas e programas de participación cos axentes do sector.

Fomento da innovación

A innovación desempeña un papel fundamental no desenvolvemento das rexións e por tanto da economía sendo un factor relevante para manter a competitividade no mercado mundial. En Galicia a innovación tecnolóxica e en concreto no ámbito da  ciberseguridade é crítica para reforzar as capacidades da súa  hipersector TIC.