O Encontro galego de ciberseguridade CIBER.gal é a xuntanza de referencia en ciberseguridade en Galicia, organizada polo Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, que se celebra con periodicidade anual na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.
O Encontro CIBER.gal naceu cos obxectivos claros de aportar valor á ciberseguridade, impulsala e axudar a afrontar as ciberameazas, así como trasladar coñecemento e actualidade sobre a seguridade da información, impulsar a industria galega da ciberseguridade, fomentar a creación de talento especializado e xerar sinerxias entre os asistentes promovendo redes de contactos.
Tralo éxito acadado na súa primeira edición en novembro de 2021, que contou con mais de 1.500 inscricións e a participación de máis de 40 entidades e organizacións de diversos sectores de actividade, e tamén coa presenza das institucións referentes na materia, como o INCIBE e o CCN, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia como entidade propulsora do Nodo CIBER.gal e unha das súas institucións fundadoras, organiza xunto co Colexio Profesional de Enxañeiros Informáticos de Galicia a vindeira edición que se celebrará os días 9 e 10 de novembro. De novo, a xuntanza será acollida presencialmente nas instalacións do Edificio Fontán, aínda que tamén será retransmitido en liña para aquelas persoas que non poidan achegarse ata Santiago de Compostela.
Esta segunda edición acollerá de novo actividades que resulten de interese tanto para a cidadanía, como para o tecido empresarial e a Administración Pública, co fin de sensibilizar a todos os niveis da importancia de prestar atención á detección e prevención de posibles ameazas no mundo dixital e xerar a cultura dun bo emprego das tecnoloxías dixitais.
Contará cun programa integrador no que novamente participarán entidades de referencia no campo da seguridade da información a nivel nacional, entidades institucionais galegas e as principais empresas do ecosistema de ciberseguridade da comunidade, ademáis de axentes clave dos sectores tecnolóxico, da investigación e o coñecemento. Albergará actividades como paneis de debate, entrevistas, sesions informativas, obradoiros, concursos de ciberseguridade, e outras actividades novedosas e disruptivas.
Este ano, a organización do Encontro brinda de novo a oportunidade aos axentes vinculados directamente ao Nodo CIBER.gal e a outras entidades non adheridas ao espazo de colaboración de poder participar na xuntanza a través de diversas categorías de patrocinio. Esta oportunidade abre a posibilidade de formar parte dun encontro imprescindible para cidadáns, estudantes, profesionais, emprendedores, investigadores, empresas e Administración Pública. Aporta aos patrocinadores visibilidade ante todo o ecosistema galego de ciberseguridade e favorece o seu posicionamento como entidade que apoia o crecemento do sector da ciberseguridade, ademais de facilitar a captación de talento especializado na materia.
Nesta ocasión, ademáis das diversas categorías de patrocinio dispoñibles, atópase a posibilidade de contar cun stand promocional para a recepción de visitantes interesados nas empresas patrocinadoras.
Deste xeito, tódalas entidades que o desexen, poderán remitir o seu interese en ser patrocinador do II Encontro CIBER.gal escribindo un correo electrónico a edg2030.ciberseguridade [at] xunta.gal (edg2030[dot]ciberseguridade[at]xunta[dot]gal) ata o vindeiro 2 de setembro ás 14:00h. Os detalles e implicacións das diversas opcións de patrocinio serán remitidos unha vez recibido o manifesto de interese.