Ábrese o prazo de inscrición para o IV Encontro CIBER.gal, que se celebrará os días 6 e 7 de novembro na Cidade da Cultura

Imaxe

Xa está aberto o prazo de inscrición da IV edición do Encontro Galego de Ciberseguridade. CIBER.gal, que terá lugar os días 6 e 7 de novembro no Edificio Fontán da Cidade da Cultura. Consolidado xa como un evento de referencia para o sector, CIBER.gal reunirá a expertos, empresas nacionais e internacionais, entidades locais e á cidadanía, para abordar os retos e oportunidades da seguridade no entorno dixital. 

As dúas xornadas poderán seguirse de xeito presencial ou en streaming previa inscrición neste enlace, tendo en conta que a asistencia presencial está limitada ao aforo do espazo. Organizado polo Nodo Galego de Ciberseguridade e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia coa colaboración do Colexio de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), a cuarta edición de CIBER.gal ofrecerá talleres, conferencias, paneis de debate, representacións teatrais e concursos de ciberseguridade organizados en tres bloques dirixidos ás administracións públicas, á cidadanía e ao tecido produtivo. Os interesados en asistir poden inscribirse nun ou máis bloques.

Unha das novidades que incorpora este ano CIBER.gal é a realización de demostracións de produtos, servizos ou solucións de ciberseguridade por parte dalgunhas das entidades que apoian o evento e que se realizarán de xeito paralelo ao programa principal.

Entre outros profesionais, o encontro contará coa participación do experto en ciberseguridade Chema Alonso, así como de representantes dos socios fundadores do Nodo. Entre eles está o Instituto Nacional de Ciberseguridade (Incibe), que traerá á Cidade da Cultura a experiencia ‘road show’ e un expositor de ciberseguridade adaptado a todos os públicos e que estarán abertos ata o día 8 de novembro. Ademais, David Amor achegarase en clave de humor á ciberseguridade cun monólogo. 

Un ano máis CIBER.gal contará coa colaboración da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia coa posta en escena da obra Hixiénico, na que se exporán as consecuencias do cyberbulling. Tamén contará de novo coa colaboración dos coordinadores dos centros de FP de Galicia que realizarán catro talleres prácticos de ciberseguridade.

Ademais, celebrarase unha nova edición da competición Capture the Flag, patrocinada por Gradiant e habilitaranse de novo os Espazos Técnicos de Exposición, nos que estudantes do ámbito da ciberseguridade e profesionais deste eido expoñen, de forma breve proxectos, ideas, traballos e iniciativas en ciberseguridade. O programa completo do evento está dispoñible no portal de Ciberseguridadegalicia.gal

A cuarta edición de CIBER.gal conta co apoio dunha vintena de entidades patrocinadoras, entre as que destacan como patrocinadores VIP Gradiant e Telefónica e como patrocinadores estratéxicos Deloitte, Abanca, Proofpoint, SIA, Crowdstrike e Check Point.

[Fonte: Xunta de Galicia]

Información relacionada