Durante o curso académico 2024-2025, 479 persoas de 27 aulas CeMIT de toda Galicia acudiron a estas charlas promovidas desde a Amtega e desenvolvidas de maneira presencial na Rede de Aulas CeMIT.
As sesións, abertas a participantes de todas as idades, centráronse nos riscos habituais de Internet.
Dunha maneira dinámica, participativa e práctica, abordáronse dúas temáticas, unha no primeiro ciclo de sesións (de setembro a decembro) e outra no segundo ciclo (de xaneiro a xullo):
· Pegada dixital e uso crítico da Internet, centrada na concienciación sobre os datos compartidos na rede, o uso das redes sociais, os riscos da enxeñería social e a desinformación.
· Ciberseguridade no verán, con contidos orientados a prácticas seguras durante as vacacións: navegación e compras en liña, reservas e pagos seguros, uso de dispositivos móbiles, redes sociais e enxeñería social.
Estas accións formativas gozaron dunha gran acollida e persoas asistentes deixaron constancia da súa satisfacción coas temáticas, co enfoque e desenvolvemento das mesmas, que incluía a análise de casos reais de estafas en liña.
Ademais, no marco da iniciativa europea All Digital Weeks, que promove a inclusión dixital e a mellora das competencias tecnolóxicas da cidadanía en toda Europa, a Amtega, en colaboración co GaiásTech, organizou unha sesión divulgativa sobre ciberseguridade básica, celebrada o pasado 1 de abril de 2025 e retransmitida por streaming para facilitar o seu acceso.
O éxito obtido das formacións á cidadanía impulsa á Amtega a continuar os ciclos de sensibilización mantendo a colaboración coas aulas CeMIT.
Informarase a través desta canle cando se dispoña dos datos de novos ciclos formativos.