#CiberseguridadeTVG – IV Encontro de ciberseguridade en Santiago de Compostela, a concienciación como medida clave para a prevención dos ciberdelitos

Imaxe

O Encontro CIBER.gal é o maior evento de ciberseguridade celebrado en Galicia e busca afrontar diferentes retos para facer fronte á ciberdelincuencia que avanza a grandes pasos e afecta a cidadáns, institucións públicas e empresas. Nesta cuarta edición, foron máis de 3.000 as persoas rexistradas en formato presencial e 750 as que o fixeron en formato en liña. 

Julián Cerviño, Director da Amtega, afirma que un dos principais retos para abordar o tema da ciberseguridade é a concienciación. Ser conscientes dos riscos e ameazas ás que nos podemos enfrontar hoxe en día é clave para previr os ataques e ciberdelitos.

Estes riscos ou ataques varían en función de se se trata da cidadanía, as empresas ou as institucións públicas. Os cidadáns atópanse máis expostos a campañas de phishing ou á recepción de SMS fraudulentos. Polo que Julián Cerviño recomenda utilizar sempre as páxinas web oficiais e non entrar nas ligazóns sospeitosas recibidas por SMS. Poñendo o foco nas empresas, os correos fraudulentos son a vía habitual de entrada nos sistemas de información destas.

Desde a administración pública está a traballarse nas barreiras para previr as ameazas que poidan xurdir, así como estanse realizando diversos esforzos para seguir fomentando a concienciación en materia de ciberseguridade entre a poboación. Neste sentido, desde a Xunta de Galicia vén realizando campañas de sensibilización e capacitación en ciberseguridade desde hai anos, incluíndo o Nodo galego de ciberseguridade, CIBER.gal, o cal agrupa a máis de 55 entidades, e que ten entre as súas actividades, o desenvolvemento de iniciativas de concienciación en ciberseguridade entre a cidadanía, o tecido empresarial e a propia administración pública.

Para ver a entrevista completa, acceda aquí e visualice o minuto 01:30:20.