O Nodo Gallego de Ciberseguridade CIBER.gal, celebrou onte a súa III Asemblea Xeral cunha ampla asistencia de entidades fundadoras e colaboradoras do Nodo. Na mesma, compartíronse cos asistentes os fitos e resultados alcanzados polo Nodo CIBER.gal no pasado ano.
Entre outras cuestións, expúxose que, durante 2024, o compromiso e responsabilidade de cooperación en materia de ciberseguridade foi reforzado grazas á renovación do Convenio de constitución do Nodo CIBER.gal, fundado pola Amtega, o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptológico Nacional (CCN), a Fegamp e as catro deputacións provinciais de Galicia, que estende a súa vixencia ata o 2028.
Ademais, destacouse o éxito alcanzado na última edición do Encontro CIBER.gal, o evento de referencia en ciberseguridade en Galicia, que alcanzou cifras récords de inscricións, asistencias e participación, e anunciáronse as datas para a súa próxima edición, que se celebrará os días 5, 6 e 7 de novembro de 2025 na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.
Tamén se destacaron as actividades de fomento do talento impulsadas desde o Nodo CIBER.gal o pasado ano, entre as que se atopa o reforzo da oferta dos cursos de especialización en ciberseguridade no ámbito da Formación Profesional, que alcanzou ata 14 cursos en toda Galicia grazas á colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Outro fito destacable foi o traballo realizado no marco do Nodo CIBER.gal grazas á colaboración da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a través do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG), para a posta a disposición dunha oferta gratuíta de cursos e certificacións de primeiro nivel en ciberseguridade destinados a profesionais.
Doutra banda, tamén se destacaron a continuidade da campaña de sensibilización en ciberseguridade en colaboración coa CRTVG que alcanzou só en 2024 máis de 2,3 millóns de visualizacións nos vídeos de #CiberEsther; e os máis de 7.500 escolares e 120 colexios que participaron na última edición do concurso “Ciberseguridade no cole!”.
Así mesmo, no seu marco tamén se continuou co impulso da industria en ciberseguridade apoiando a futura posta en marcha do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia e o deseño e execución de iniciativas no marco do proxecto de ciberseguridade “Centro de Innovación e Competencia en Ciencias da Saúde, Transporte Intelixente, Industria Conectada e Excelencia Operativa” contextualizado dentro do Programa de Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica (RETECH).
Toda a actividade realizada ao amparo do Nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal pode consultarse na Memoria de Actividades de 2024, onde se pode apreciar a importancia do compromiso das administracións, empresas, universidades e institucións de Galicia coa ciberseguridade, o cal fai posible o desenvolvemento das iniciativas promovidas no seu marco.