O Nodo CIBER.gal celebrou a súa IV Asemblea Xeral, na que se presentou o balance de actividade de 2025 e as liñas de actuación para 2026

Imaxe

O Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal celebrou a súa IV Asemblea Xeral, que contou cunha ampla participación das entidades que forman parte do seu ecosistema. Durante a sesión compartíronse os principais fitos e resultados alcanzados ao longo de 2025, así como as liñas de actividade que marcarán a actividade do Nodo este ano.

No transcurso da Asemblea presentouse a Memoria de Actividade 2025, que reflicte a realización de máis de 300 actividades de formación, concienciación e divulgación en materia de ciberseguridade, que beneficiaron a máis de 11.000 persoas. 

Durante 2025, o Nodo desenvolveu xornadas técnicas, talleres especializados e accións formativas dirixidas a públicos diversos, desde a cidadanía e o ámbito educativo ata persoal técnico e profesionais especializados. 

Entre as iniciativas máis destacadas figura a V edición do Encontro CIBER.gal, que rexistrou un incremento do 43 % na participación con respecto á edición anterior, consolidándose como o evento de referencia en ciberseguridade en Galicia.

Así mesmo, púxose en valor o impulso de campañas de concienciación dirixidas á cidadanía, entre as que destaca a iniciativa #CiberEsther, desenvolta en colaboración coa Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, que, xunto á publicación de vídeos curtos en redes sociais da TVG, superaron os 4 millóns de visualizacións ao longo do ano.

Ademais, publicouse o Informe sobre a ciberseguridade nas empresas de Galicia 2025, elaborado por OSIMGA a partir da enquisa desenvolvida en colaboración co IGE.

A Asemblea tamén serviu para constatar o crecemento do ecosistema CIBER.gal, coa incorporación de sete novas entidades durante o último ano, o que eleva a preto de 60 o número total de organizacións participantes, entre administracións públicas, empresas tecnolóxicas, centros de coñecemento e entidades do ámbito xurídico e asociativo.

A reunión contou coa participación do director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Damián Rey, quen agradeceu a implicación das entidades adheridas e destacou o Nodo CIBER.gal como un exemplo de colaboración público-privada para afrontar os retos actuais en ciberseguridade.

Para 2026, o Nodo CIBER.gal centrará a súa actividade en reforzar as accións de formación e concienciación e seguir impulsando a colaboración entre os distintos axentes do ecosistema. Entre as principais iniciativas previstas, destaca a próxima posta en marcha do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Ourense.

Información relacionada