Premios CIBER.gal 2026

Xa está aberto o prazo de presentación de candidaturas para a I edición dos Premios CIBER.gal, unha iniciativa impulsada no marco do Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal para recoñecer e dar visibilidade ás mellores iniciativas desenvolvidas polas súas entidades adheridas en materia de ciberseguridade en Galicia.

As entidades interesadas poderán presentar as súas candidaturas ata o 16 de outubro de 2026 ás 15:00 horas.

Esta primeira edición dos Premios CIBER.gal nace co obxectivo de recoñecer, difundir e poñer en valor actuacións destacadas relacionadas coa concienciación, a capacitación, a innovación e a investigación en ciberseguridade desenvolvidas en Galicia, contribuíndo ao fortalecemento do ecosistema galego de ciberseguridade.

A convocatoria está dirixida ás entidades adheridas ao Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, que poderán presentar unha ou varias iniciativas, sempre que fosen desenvolvidas en Galicia ou acrediten un impacto directo e relevante na Comunidade Autónoma.

Os galardóns estrutúranse en tres categorías:

  • Iniciativas dirixidas á cidadanía.
  • Iniciativas dirixidas ao tecido empresarial.
  • Proxectos de innovación e investigación en ciberseguridade.

As iniciativas candidatas poderán abordar ámbitos como a capacitación e formación, a concienciación e sensibilización, a innovación, a investigación e xeración de coñecemento ou a transferencia de coñecemento e aplicación de novas metodoloxías e solucións de ciberseguridade.

Os premios terán carácter honorífico e serán entregados publicamente durante o VI Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, onde as iniciativas galardoadas recibirán recoñecemento institucional e contarán cun espazo para a difusión dos seus proxectos.

Para participar, será preciso presentar a candidatura empregando o modelo oficial dos Premios CIBER.gal e remitila por correo electrónico antes do 16 de outubro de 2026 ás 15:00 horas ao enderezo edg2030.ciberseguridade [at] xunta.gal (edg2030[dot]ciberseguridade[at]xunta[dot]gal).

Os detalles da convocatoria e as bases reguladoras poden consultarse no apartado información relacionada.

O Encontro CIBER.gal, promovido e organizado polo Nodo CIBER.gal, reunirá un ano máis administracións públicas, empresas, profesionais e entidades de referencia para abordar os principais retos e oportunidades da ciberseguridade.

Ademais da entrega dos Premios CIBER.gal, o encontro contará cun amplo programa de actividades orientadas á Administración pública, ao tecido empresarial, á cidadanía e á comunidade educativa, favorecendo o intercambio de experiencias, a divulgación do coñecemento e a promoción da cultura da ciberseguridade en Galicia.

Proximamente publicarase o programa completo do Encontro CIBER.gal e abrirase a inscrición para o conxunto das actividades previstas.