A primeira Asemblea Xeral do Nodo CIBER.gal fai balance das actuacións e avanza novas iniciativas dirixidas ás administracións públicas e empresas

Imaxe

Preto de 50 persoas en representación de entidades do sector tecnolóxico, da investigación, do coñecemento, da industria e de organizacións públicas referentes en ciberseguridade en España como o Centro Criptolóxico Nacional, xuntáronse esta semana para celebrar a I Asemblea Xeral do Nodo Galego de Ciberseguridade.

Na mesma, o Nodo CIBER.gal puxo en valor o esforzo e cooperación de todas as entidades que se enmarcan no ecosistema creado na súa contorna, pois son a chave do éxito conseguido en todas e cada unha das iniciativas celebradas e executadas no contexto de CIBER.gal.

Destacan principalmente actividades e iniciativas enfocadas cara á concienciación, capacitación e formación, a difusión e posta ao dispor de información,o fomento do talento, a facilitación de servizos de ciberseguridade e tamén o impulso á industria deste sector.

 

Concienciación

No primeiro deles, englóbanse preto de 20 iniciativas, e resalta a posta en marcha do grupo de traballo das empresas, que conseguiu uns resultados de máis de 500 profesionais rexistrados e máis de 300 beneficiarios cun elevado grao de satisfacción xeral situado preto do 9 sobre 10. Cabe mencionar o deseño e execución de dous cursos superiores, un do ámbito da ciberseguridade e outro no ámbito da protección de datos persoais, ambos os destinados a persoal público, nos cales a demanda de prazas nalgunha das edicións mesmo chegou a triplicar a oferta.

Tamén na categoría de concienciación destaca a iniciativa de #CiberEsther, en colaboración coa TVG, co obxectivo de capacitar e concienciar á sociedade sobre a ciberseguridade, que acumula máis de 650.000 visitas nas distintas canles. Outra das iniciativas destacadas nesta categoría é a organización do Encontro CIBER.gal, que en ambas as edicións conseguiu máis de 3.500 inscricións, preto de 50 actividades distintas e a participación de máis de 6.000 escolares no Concurso Ciberseguridade no Cole!

 

Difusión

No ámbito da difusión, posta ao disposición de información e colaboracións en iniciativas de referencia, no marco do Nodo executáronse máis de 20 actividades. Resaltan entre elas a creación da súa propia web, que aglutina información de interese e actualidade relativa á seguridade da información, e a adhesión á Rede Nacional de SOCS.

 

Fomento do talento

O fomento do talento tamén é un obxectivo presente no Nodo, polo que CIBER.gal apoiou á Consellería de Cultura, Educación e Universidade no lanzamento dos Cursos de Especialización en Ciberseguridade, que hoxe en día se atopan en 4 lugares distintos de Galicia. Na contorna do Nodo tamén se deseña e coordina a facilitación de servizos de ciberseguridade, destacando a execución do proxecto de servizos de ciberseguridade a entidades locais desde decembro do 2021 e acordos con entidades colaboradoras de CIBER.gal para a posta a disposición gratuíta de plataformas e ferramentas para mellorar o nivel de ciberseguridade das empresas de Galicia.

Por suposto, resáltase o importante labor de impulso á industria da ciberseguridade enmarcada no contexto de CIBER.gal, na cal é destacable a próxima creación do Centro de Excelencia de Ciberseguridade de Galicia e a participación na convocatoria RETECH no ámbito da ciberseguridade, que da man de Cataluña e a Comunidade Valenciana, foi un dos 11 proxectos seleccionados polo Goberno Central.

 

En relación ás próximas liñas de actuación para a continuidade de iniciativas de CIBER.gal, no curto prazo destacan a constitución e posta en marcha do grupo de traballo da Administración Pública, a continuidade de actividades enmarcadas no grupo de traballo das empresas, e a posta en marcha do proxecto común no marco da iniciativa RETECH.

Pódense consultar os detalles da memoria de actividades no apartado de ligazóns.

Información relacionada