PuntoGal, entidade adherida ao Nodo CIBER.gal, publica un decálogo para usar as redes wifi públicas con seguridade

Imaxe

As redes wifi públicas están presentes cada vez en máis espazos da vida cotiá, pero utilizalas non ten por que implicar asumir riscos innecesarios. PuntoGal, entidade adherida ao Nodo CIBER.gal, publica un novo decálogo con dez recomendacións sinxelas para conectarse a estas redes con seguridade, centrándose no que facemos antes de nos conectar, durante a conexión e cando xa rematamos a tarefa.

A iniciativa parte dunha idea fundamental: unha wifi pública non é necesariamente insegura. O nivel de protección depende, entre outros factores, da rede á que se accede, do estado do dispositivo e do tipo de actividade que se realiza a través dela. Por iso, o novo folleto propón utilizar estas conexións con criterio, adoptando unhas precaucións básicas.

Coidados previos

Entre os consellos figura comprobar o nome exacto da rede antes de conectarse, contrastándoo coa información facilitada polo establecemento, e desactivar a conexión automática ás redes wifi. Esta medida pode evitar que os dispositivos se conecten sen que o usuario o perciba a puntos de acceso fraudulentos.

O decálogo recomenda tamén manter actualizados o sistema operativo, o navegador e as aplicacións, activar a autenticación en dous pasos e utilizar unha VPN de confianza cando sexa necesario. Así mesmo, lembra a importancia de comprobar que as páxinas web son lexítimas antes de introducir información, xa que dispoñer dunha conexión HTTPS non significa por si só que o sitio sexa auténtico.

Banca electrónica, pagamentos ou consultas de información persoal ou laboral son algunhas das actividades que PuntoGal recomenda reservar para conexións de confianza. Nestes casos, sempre que sexa posible, é preferible utilizar os datos móbiles ou un punto de acceso persoal.

O folleto inclúe tamén recomendacións para reducir a exposición do dispositivo, como desactivar o intercambio de ficheiros e o Bluetooth cando non sexan necesarios, así como evitar a instalación de programas ou a aceptación de peticións inesperadas durante o proceso de conexión.

Con esta publicación, PuntoGal, en colaboración con Nodo CIBER.gal e coa Global Cyber Allyance, continúa achegando recomendacións prácticas para que a cidadanía poida aproveitar as posibilidades que ofrece Internet sen deixar de aplicar unhas medidas básicas de protección.

Información relacionada