XA ESTÁ ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA O VI ENCONTRO CIBER.GAL, QUE SE CELEBRARÁ OS DÍAS 4, 5 E 6 DE NOVEMBRO NA CIDADE DA CULTURA DE GALICIA

Imaxe
  • O Nodo CIBER.gal impulsa a sexta edición dun encontro que reunirá a profesionais, empresas, estudantes e cidadanía para abordar os principais retos actuais da seguridade dixital.

  • O programa desenvolverase ao longo de tres xornadas e combinará relatorios, mesas redondas, actividades divulgativas e propostas dirixidas aos diferentes públicos do evento.

  • A relación da ciberseguridade coa intelixencia artificial, a aplicación da directiva NIS2, a identidade dixital, a soberanía tecnolóxica e a computación cuántica centrarán boa parte dos contidos profesionais.

  • O encontro dispoñerá de café e aperitivo para favorecer o contacto e a colaboración entre estudantes, profesionais e empresas asistentes.

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar na sexta edición do Encontro Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal, que se celebrará os días 4, 5 e 6 de novembro no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia.

Consolidado como unha cita de referencia para o ecosistema galego da ciberseguridade, o VI Encontro CIBER.gal reunirá durante tres días a profesionais, empresas, administracións públicas, estudantes e cidadanía para compartir coñecemento, coñecer novas solucións e analizar os retos dun contorno dixital en constante evolución.

Organizado polo Nodo CIBER.gal e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), coa colaboración do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o programa da sexta edición estrutúrase en tres xornadas con contidos adaptados aos distintos públicos.

A primeira estará orientada á Administración pública; a segunda, ao tecido empresarial, ao emprendemento e ao ámbito profesional; e a terceira terá un carácter divulgativo, cunha atención especial á comunidade educativa e á cidadanía.

As tres xornadas poderán seguirse de forma presencial ou en liña, previa inscrición nesta ligazón, con prazas limitadas para a asistencia física. A participación é totalmente gratuíta ata completar aforo. A información actualizada do encontro e do programa pode consultarse na páxina web do VI Encontro CIBER.gal.

O encontro reunirá a persoas de recoñecido prestixio nacional e internacional que abordarán, entre outras cuestións, a directiva NIS2, a gobernanza da intelixencia artificial aplicada á ciberseguridade, a identidade dixital, o financiamento de empresas emerxentes.

Como novidade, este ano os asistentes terán a oportunidade de coñecer, previa inscrición, as instalacións, capacidades e os servizos dos laboratorios e centros demostradores de ciberseguridade da Xunta de Galicia en produtos con elementos dixitais e ciberseguridade industrial.

O programa inclúe tamén a final do concurso escolar “Ciberseguridade no cole!”, organizado por Telefónica como patrocinadora evento, actividades dinámicas para escolares, organizados por S2 Grupo, e unha competición de retos Capture The Flag (CTF), impulsada por Gradiant.

Ao longo das xornadas, os asistentes presenciais poderán desfrutar de momentos de networking con café, aperitivos e sorteos, nun ambiente pensado para favorecer a colaboración e o intercambio de experiencias entre estudantes, profesionais e empresas.

Toda a información e inscricións dispoñible en:

Saúdos do Gabinete de Comunicación da Consellería de Facenda e Administración Pública