A Xunta, o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), o Centro Criptolóxico Nacional (CCN), a Fegamp e as catro deputacións provinciais veñen de renovar o seu compromiso de cooperar en materia de ciberseguridade, prorrogando por catro anos máis o convenio que dá continuidade á labor do Nodo CIBER.gal. Desde o seu inicio en 2020 este espazo público-privado impulsa diferentes actuacións de capacitación, concienciación e prestación de servizos de ciberseguridade para cidadáns, empresas e administracións públicas, unha labor na que xa participan 50 entidades adheridas ao Nodo CIBER.gal.
Entre os fitos do Nodo ao longo destes catro anos, destaca a consolidación do Encontro galego CIBER.gal como a cita anual da ciberseguridade en Galicia, un evento no que expertos nacionais e internacionais abordan os retos e oportunidades desta tecnoloxía, ao tempo que impulsa as vocacións temperás co concurso Ciberseguridade no cole.
A IV edición de CIBER.gal celebrase os vindeiros 6 e 7 de novembro na Cidade da Cultura. Previamente, terá lugar no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) unha xornada destinada ao tecido industrial de Galicia e ao sector da innovación e da ciberseguridade.
Entre as actividades do Nodo está a posta en marcha de dous grupos de traballo para identificar necesidades en materia de ciberseguridade para empresas e cidadanía e que realizaron arredor dunha trintena de actuacións das que se beneficiaron preto de 900 persoas. Está previsto poñer en marcha un novo grupo de traballo dirixido ás empresas no segundo semestre do ano.
No ámbito da concienciación da cidadanía, o Nodo desenvolveu campañas de sensibilización moi exitosas a través das iniciativas #Cibercarracho e #Ciberesther, que suman máis de 80 vídeos con máis de 5 millóns de visualizacións.
Ao longo destes catro anos o CIBER.gal participou en mais de 25 eventos, xornadas e iniciativas relacionadas coa ciberseguridade a nivel autonómico e nacional, e colaborou con organismos relevantes no ámbito da ciberseguridade, como a Global Cybersecurity Alliance (GCA), ISMS Forum ou Women4Cyber Spain.
Ademais, no marco das actuacións do Nodo, Galicia, xunto con Cataluña e Valencia e, en colaboración co Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), porá en marcha o futuro Centro de innovación e Competencia da Ciberseguridade, enmarcado no Programa de Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica (Retech) e no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado con fondos Next Generation EU, que contempla liñas de actuación en catro ámbitos: as ciencias da saúde, o transporte intelixente, a industria conectada e a excelencia operativa.