Alerta por chamadas e mensaxes fraudulentas que suplantan entidades bancarias

Imaxe
Nivel de alerta
Medio

Estanse a detectar intentos de fraude baseados no envío de mensaxes e na realización de chamadas telefónicas nas que os atacantes suplantan entidades bancarias. O obxectivo é enganar a persoa usuaria para que autorice operacións non solicitadas, facilite información sensible ou contacte cun número controlado polos propios estafadores.

Nalgúns casos, o fraude comeza cunha mensaxe que informa dunha suposta incidencia relacionada coa conta, coa tarxeta ou cunha operación bancaria. 

Esta mensaxe pode incluír un número de teléfono ao que se pide chamar para resolver o problema. Unha vez iniciada a comunicación, os delincuentes fanse pasar por persoal da entidade e empregan argumentos de urxencia para xerar confianza e presión.

Tamén poden producirse chamadas directas nas que os estafadores aparentan actuar en nome do banco. Durante a conversa, poden solicitar a validación de transferencias, a confirmación de operacións, códigos recibidos por SMS, claves de acceso, datos de tarxetas ou outra información bancaria. En ocasións, a linguaxe empregada pode parecer profesional e estar deseñada para simular unha comunicación lexítima.

É importante lembrar que unha entidade bancaria non solicitará por teléfono a autorización de operacións que a persoa usuaria non iniciase. Tampouco pedirá claves completas, códigos de verificación, contrasinais ou datos sensibles fóra das súas canles oficiais.

Ante unha chamada ou mensaxe sospeitosa, o máis seguro é interromper a comunicación e contactar directamente coa entidade a través da súa aplicación oficial, da súa páxina web lexítima ou do teléfono publicado nas súas canles habituais. Non se debe chamar a números incluídos en mensaxes non solicitadas nin acceder a ligazóns recibidas por SMS, correo electrónico ou aplicacións de mensaxaría.

Se se facilitou información bancaria, se autorizou unha operación ou se sospeita que se puido ser vítima de fraude, recoméndase contactar de inmediato coa entidade financeira, bloquear os medios de pagamento afectados se procede e conservar as evidencias dispoñibles, como mensaxes, capturas de pantalla, números de teléfono, xustificantes ou movementos bancarios.

A alerta considérase de severidade media porque este tipo de fraude pode derivar na autorización de operacións non solicitadas, no roubo de credenciais, no uso indebido de datos bancarios ou nun prexuízo económico para as persoas afectadas. Aínda que non se trata dunha vulnerabilidade técnica nin dun compromiso xeneralizado de sistemas, require atención preventiva por parte da cidadanía.

 

Recomendacións


Desconfía de mensaxes ou chamadas que comuniquen incidencias urxentes relacionadas coa túa conta ou tarxeta.

Non chames a números de teléfono incluídos en mensaxes sospeitosas.

Non autorices operacións que non iniciaches persoalmente.

Non facilites claves, códigos SMS, contrasinais, datos de tarxeta nin credenciais bancarias.

Accede sempre á túa banca dixital desde a aplicación oficial ou escribindo o enderezo web no navegador.

Activa as notificacións de operacións para detectar movementos non recoñecidos.

Revisa periodicamente os movementos das túas contas e tarxetas.

Se tes dúbidas, contacta coa túa entidade unicamente a través das súas canles oficiais.

 

Que facer se xa facilitaches datos ou autorizaches unha operación


Contacta de inmediato coa túa entidade bancaria para comunicar o ocorrido.

Solicita o bloqueo de tarxetas, contas ou credenciais se existe risco de uso fraudulento.

Cambia os contrasinais afectados e revisa os accesos á túa banca dixital.

Conserva todas as evidencias dispoñibles.

Presenta denuncia ante as Forzas e Corpos de Seguridade se se produciu un cargo, unha transferencia ou un prexuízo económico.