Detectados ataques que permiten comprometer contas de WhatsApp en iPhone con versións antigas de iOS

Imaxe
Nivel de alerta
Alto

Unha investigación de seguridade identificou casos de acceso non autorizado a contas de WhatsApp en dispositivos iPhone desactualizados, nos que as persoas atacantes podían enviar mensaxes sen que aparecesen dispositivos descoñecidos vinculados á conta.

A empresa especializada en análise forense dixital Forenser documentou diversos casos de compromiso de contas de WhatsApp en dispositivos iPhone con versións antigas de iOS, especialmente iOS 16.

Nos incidentes analizados, as persoas atacantes conseguían utilizar as contas das vítimas para enviar mensaxes aos seus contactos solicitando transferencias bancarias. Unha das características máis relevantes destes ataques é que non aparecían dispositivos sospeitosos na sección «Dispositivos vinculados» de WhatsApp.

As investigacións iniciais apuntaban á posibilidade dun ataque de tipo zero-click, no que a vítima non necesita abrir ligazóns nin realizar ningunha acción para que se produza o compromiso.

 

Características e funcionamento dos ataques

Segundo a investigación publicada por Forenser, identificáronse os seguintes comportamentos:

  • Compromiso de contas de WhatsApp en dispositivos iPhone con versións desactualizadas de iOS.
  • Envío de mensaxes fraudulentas desde contas lexítimas para solicitar transferencias bancarias.
  • Ausencia de dispositivos descoñecidos na lista de dispositivos vinculados.
  • Posible acceso ás conversas recentes das persoas afectadas.
  • Actividade anómala relacionada coa sincronización das sesións de WhatsApp.

Os investigadores analizaron inicialmente a posible relación coas vulnerabilidades CVE-2025-43300, asociada ao procesamento de imaxes en iOS, e CVE-2025-55177, relacionada coa autorización do procesamento de contidos remotos en WhatsApp.

Posteriormente, Forenser ampliou a investigación e identificou evidencias relacionadas co uso de Coruna, un conxunto de ferramentas de explotación capaz de comprometer dispositivos con versións vulnerables de iOS.

 

Impacto e riscos

O compromiso dunha conta pode permitir que unha persoa atacante suplante a identidade da vítima e contacte con familiares, amizades ou compañeiros de traballo para solicitar pagamentos fraudulentos.

Ademais do risco económico, estes ataques poden comprometer a confidencialidade das comunicacións e a confianza nos contactos habituais.

A ausencia de dispositivos sospeitosos na configuración de WhatsApp non garante, por si soa, que unha conta non estea comprometida.

Descrición de accións para evitar o risco ou solucionalo

 

  • Actualizar iOS e WhatsApp ás últimas versións de seguridade dispoñibles para o dispositivo.
  • Comprobar periodicamente os dispositivos vinculados á conta de WhatsApp.
  • Activar a verificación en dous pasos como medida adicional de protección, tendo en conta que non impide necesariamente os ataques descritos.
  • Desconfiar das solicitudes urxentes de transferencias bancarias recibidas por mensaxería.
  • Confirmar calquera petición económica mediante unha chamada telefónica ou outra canle independente.
  • Considerar o uso do modo de illamento de Apple nos dispositivos con maior exposición a ameazas.
  • Avisar inmediatamente os contactos se se detectan mensaxes enviadas sen autorización.

En caso de sospeita de compromiso, recoméndase iniciar o procedemento de recuperación da conta e solicitar asistencia especializada. Cando sexa necesario investigar o incidente, convén preservar as evidencias antes de restablecer o dispositivo.