Deuse a coñecer unha vulnerabilidade de seguridade no núcleo de Linux, denominada NoisyTCP e identificada como CVE-2026-99288, que podería permitir que unha persoa atacante provoque unha denegación de servizo (DoS) de maneira remota.
O fallo, presente no código de xestión de conexións TCP desde 2015, está relacionado cunha condición de carreira no procesamento simultáneo de paquetes de rede. Baixo determinadas circunstancias, esta situación podería provocar un acceso incorrecto á memoria e desencadear un fallo crítico do sistema operativo.
Sistemas afectados e impacto
A vulnerabilidade podería afectar a servidores Linux que utilicen múltiples colas de recepción de rede ou teñan habilitado o mecanismo Receive Packet Steering (RPS).
Entre os servizos potencialmente expostos atópanse servidores web, servidores SSH e outros servizos que acepten conexións TCP.
A explotación satisfactoria podería provocar:
- A interrupción inesperada do funcionamento do servidor.
- A perda de dispoñibilidade dos servizos aloxados.
- A caída do sistema anfitrión, mesmo cando o servizo afectado se execute nun contedor.
Segundo a información publicada polo investigador, demostrouse a posibilidade de provocar fallos remotos en contornos de laboratorio. Non se acredita, polo momento, unha capacidade xeral de execución remota de código.
Medidas de prevención e mitigación
Recoméndase ás organizacións que administren sistemas Linux:
- Actualizar o núcleo de Linux mediante os parches de seguridade publicados polos fabricantes e distribuidores.
- Comprobar as versións instaladas e identificar os servidores potencialmente afectados.
- Planificar o reinicio dos sistemas cando sexa necesario para aplicar as actualizacións.
- Supervisar os rexistros do sistema para detectar fallos inesperados ou reinicios anómalos.
- Revisar as configuracións de rede e valorar medidas temporais de mitigación cando non sexa posible aplicar inmediatamente os parches.
A desactivación de mecanismos como SYN cookies pode reducir determinadas condicións de explotación, pero tamén debilita a protección fronte a ataques de inundación SYN. Por este motivo, calquera medida temporal debe someterse previamente a unha avaliación técnica.
Referencias
- Identificador: CVE-2026-99288.
- Denominación: NoisyTCP.
- Investigador: Hyunwoo Kim.
- Corrección: commit 4e2b3ef19e0e del kernel de Linux.
- Aviso técnico: https://www.openwall.com/lists/oss-security/2026/11/15/2
- Repositorio del investigador: https://github.com/V4bel/NoisyTCP