"Cibercarracho", o termo creado no marco da campaña de sensibilización en ciberseguridade promovida pola Amtega é elixida palabra do ano 2023!

Imaxe

"Cibercarracho, -a" foi elixida como Palabra do Ano 2023 por votación popular. Este termo é un neoloxismo de rexistro coloquial que tira de humor e que fai referencia aos ciberdelincuentes. Foi proposto pola AMTEGA á TVG e empregado por primeira vez por #CiberEsther, personaxe nacida no marco do #DígochoEu grazas á colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a CRTVG no contexto dunha campaña de sensibilización en ciberseguridade.

Esta palabra logrou máis do 40 % dos votos rexistrados no proceso final, no que participaron outros cinco vocábulos: 'cooficialidade', 'educación emocional', 'feitiño, -a', 'dereitos humanos' e 'biodiversidade'.

Cibercarracho fórmase partindo do prefixo ciber-, resultante do acurtamento cibernético, e o substantivo carracho, que nomea un arácnido da orde dos ácaros do que existen varias especies e que se alimenta do sangue de mamíferos e aves, tamén denominado carracha, carraza, carrapato ou carrapata.

O termo foi creado para un espazo sobre ciberseguridade en que unha personaxe interpretada por Esther Estévez, presentadora do #DígochoEu, representa un pirata informático. O cibercarracho intenta facer o seu traballo, que vén sendo roubar datos e mesmo cartos, e Esther dá consellos para impedirllo.

A iniciativa pola que nace #CiberEsther, e por tanto cibercarracho,-a, consiste en realizar curtos vídeos de contidos que abordan a seguridade na rede, na contorna dixital: a ciberseguridade. Cada semana o #DigochoEU, no marco dun Convenio de colaboración entre a Amtega e a CRTVG, publica un vídeo que fala sobre cuestións de actualidade en ciberseguridade, ameazas dixitais e outra información relacionada. Así, é posible chegar a gran parte da sociedade galega e axudalos a concienciarse sobre a importancia da ciberseguridade no seu día a día. A iniciativa conta xa con máis de 4,3 millóns de visualizacións, o seu impacto está sendo todo un éxito. 

Información relacionada