A EGAP inicia un curso superior sobre protección de datos dirixido ao persoal empregado público

Imaxe

O curso foi inaugurado o 20 de setembro pola directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos; o director da Axencia autonómica (Amtega), Julián Cerviño; e o director da acción formativa, Gustavo Herva.

Os organizadores destacaron o alto interese mostrado polo persoal empregado público, que fixo necesario habilitar unha listaxe de persoas en reserva.

O curso proporcionará e actualizará coñecementos dende un punto de vista técnico xurídico, así como dende unha perspectiva práctica. Entre os obxectivos atópanse o de concienciar ao alumnado sobre a importancia do dereito fundamental á protección de datos persoais, para o que é necesaria a aplicación de boas prácticas de acordo coa normativa vixente.

Tamén abordará os principios básicos de seguridade e as medidas que é necesario implantar nos sistemas de información dende a perspectiva do risco. Así mesmo, proporcionará aos asistentes unha visión global da protección de datos persoais, así como sobre as funcións e responsabilidades das persoas que interveñen no seu procesamento.

Entre as materias que se impartirán destacan a responsabilidade da Administración pública no tratamento dos datos, a normativa e o réxime sancionador, a protección de datos en saúde, a intelixencia artificial ou a videovixilancia.

Julián Cerviño destacou na súa intervención os obxectivos da Xunta de avanzar nunha Administración dixital máis eficiente, personalizada e accesible, o que implica o uso de tecnoloxías que empregan datos persoais, como a xestión intelixente do datos, a intelixencia artificial ou a automatización robótica de procesos. Referiuse ás actuacións concretas previstas no III Plan de Administración e Goberno Dixital que está en marcha, como a Plataforma de Automatización Intelixente da Xunta de Galicia; o aumento da interoperabilidade a través da plataforma Pasaxe!; o novo modelo de identidade dixital ou a aplicación A Xunta no Móbil (XuntaEU).

Pola súa banda, a directora da EGAP resaltou que, ante o desenvolvemento da Administración dixital, é preciso dotar ao persoal empregado público das ferramentas necesarias para salvagardar os datos persoais que se almacenan e se transmiten en liña, algo esencial para defender os dereitos da cidadanía e preservar a confianza nas institucións. Para conseguir estes obxectivos, incidiu, a Escola oferta unha programación anual en materia de seguridade da información completa e actualizada.