Éxito da xornada "Galicia Segura: innovación e ciberseguridade" en Ourense

Imaxe

O Nodo CIBER.gal celebrou o xoves 3 de outubro a xornada Galicia segura: innovación e ciberseguridade, un evento no que se congregaron preto de 200 asistentes, entre profesionais do sector TIC, ciberseguridade, e alumnado especializado na materia. 

Esta cita, celebrada no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole), subliñou a relevancia de Galicia no ámbito da innovación en ciberseguridade, destacando o papel relevante de entidades galegas na Compra Pública de Innovación (CPI) liderada polo Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), unha ferramenta clave para o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas avanzadas. Os asistentes, na súa maioría representantes do tecido empresarial galego e futuros profesionais do mercado laboral, puideron coñecer de primeira man os proxectos das entidades da comunidade que foron adxudicatarios da CPI do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE). Entre as entidades que presentaron os seus proxectos atópanse Emetel, Councilbox, DLT Code, Forensic Security, Tarlogic, o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Tecdesoft, Inprosec, Plexus Tech, Gradiant, Sixtema e o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG). Grazas a estas adxudicacións, Galicia posiciónase como a segunda comunidade en España que máis fondos recibiu a través desta iniciativa, con máis de dez entidades involucradas en proxectos innovadores. 

Os asistentes tamén puideron gozar dun panel sobre o CECIGA e a rede de laboratorios e centros demostradores de ciberseguridade de Galicia, da man da Amtega e as entidades que formarán parte da rede: Gradiant, AtlanTTic, CTAG e o ITG. Nesta actividade púxose en valor o esforzo, traballo e colaboración na que están inmersas as entidades que forman parte desta rede na comunidade galega. A iniciativa, enmarcada no Proxecto Retech, conta coa colaboración das comunidades de Cataluña, Valencia e Galicia (neste caso a través da Amtega, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia). 

A xornada tamén incluíu un relatorio destacado a cargo do Centro de Ciberseguridade Industrial (CCI), onde se abordaron as ameazas ás infraestruturas críticas e os retos que expón o desenvolvemento de solucións avanzadas para protexer estas contornas sensibles. 

Por último, na apertura da xornada, a Xunta destacou a posta en marcha do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, onde estará un dos laboratorios e centros demostradores que conformarán a rede. 

Unha vez máis, Galicia reafirma o seu papel estratéxico na innovación e ciberseguridade, consolidándose como un referente nacional no sector.