PuntoGal, entidade adherida ao Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, realiza o lanzamento dun novo espazo web orientado a mellorar a ciberseguridade da cidadanía. A iniciativa desenvólvese en colaboración coa Global Cyber Alliance e alíñase cos obxectivos de CIBER.gal de sensibilización, prevención e capacitación da sociedade galega fronte aos riscos dixitais.
O novo portal pon ao dispor do público unha selección de ferramentas gratuítas que facilitan a protección fronte a ameazas habituais como o malware, o phishing ou o acceso a sitios web maliciosos. Entre os recursos dispoñibles inclúense solucións para manter os dispositivos actualizados, realizar copias de seguridade, protexer as comunicacións privadas, bloquear publicidade perigosa e reforzar a navegación segura mediante sistemas de seguridade DNS.
A publicación destas ferramentas en lingua galega amplía o alcance doutras caixas de recursos xa existentes, dirixidas a pemes, entidades sociais e profesionais da comunicación, e contribúe a achegar a ciberseguridade á vida cotiá da cidadanía de forma práctica e accesible.
Para máis información, pódese visitar a seguinte ligazón: i.gal/ElkWZ