Integra os sistemas MasterLabs e de Análise de Firmware nun rack portátil de 12U, permitindo despregar contornos IT/OT virtualizados para a formación, a simulación de ciberataques e os exercicios de tipo CTF. Combina adestramento técnico e operativo en escenarios realistas, con capacidade de virtualización masiva e xestión avanzada de escenarios.
O CyberRange está orientado a un obxectivo fundamentalmente pedagóxico e ofrece unha plataforma todo-en-un para a aprendizaxe activa en ciberseguridade industrial e institucional. A solución MasterLabs permite realizar diversos tipos de ciberexercicios, desafíos e eventos, e cualifica ós operadores a través de dinámicas educativas. Posibilita simular ataques a infraestruturas OT recreando procesos industriais, conectar redes virtuais coa rede física do laboratorio e avaliar vulnerabilidades sobre sistemas específicos ou réplicas dixitais.
Entre os seus casos de uso destacan catro liñas. A primeira é a configuración de exercicios formativos de distinto tipo —retos Capture The Flag, máquinas virtuais, probas e cuestionarios en liña ou entregas dixitais—, que o profesorado pode definir e editar con plena autonomía e agrupar en módulos. A segunda son os simulacros de cibercrise e xestión de incidentes para equipas industriais ou institucionais (exercicios tabletop), que avalían a capacidade de resposta, a coordinación e a toma de decisións, e melloran os plans de continxencia nun contorno controlado. A terceira é a avaliación de vulnerabilidades en infraestruturas específicas ou réplicas dixitais, mediante a detección e a explotación controlada de fallos para comprender o seu impacto e aplicar medidas correctivas. A cuarta é a gamificación, cun sistema de puntuación e competición e unha táboa clasificatoria que incentivan a aprendizaxe e estimulan a colaboración.
Por outra banda, o módulo de Análise de Firmware permite avaliar a seguridade de dispositivos IoT identificando vulnerabilidades, realizar análises previas á comercialización por parte dos fabricantes e executar auditorías periódicas de seguridade. Nunha primeira entrega ofrécese un exercicio de mostra, ampliable progresivamente ata un máximo de quince retos de complexidade crecente.