Maqueta para industria manufactureira: automóbil, naval e metalmecánica (celda robotizada)

Descrición do caso

Reproduce unha célula avanzada de Industria 4.0 con robots industriais, AMRs, identificación por RFID e transporte por levitación magnética, integrando tecnoloxías e protocolos como OPC-UA, EtherCAT e Ethernet. É un escenario de alta conectividade que reflicte a converxencia IT/OT característica das fábricas modernas e a integración entre produción e loxística.

Solución do caso

A célula está concibida co obxectivo de que os participantes «aprendan facendo» nun contorno que reproduce as condicións dunha fábrica moderna. Permite comprender a arquitectura OT da Industria 4.0, identificando a función de cada compoñente —PLC, buses de campo, robots, HMI, RFID, AMR— e o xeito en que interactúan dentro da pirámide de automatización. Ademais, ilustra a integración horizontal entre a célula de fabricación e o sistema loxístico da planta, sincronizando en tempo real a produción co abastecemento e a retirada de materiais.

No eido formativo da ciberseguridade, ofrece un contorno controlado para identificar vulnerabilidades e ameazas típicas dos sistemas industriais reais, expoñendo ó alumnado a tecnoloxías como EtherCAT, as interfaces dos robots ou o Wi-Fi industrial. Pon o acento nas diferenzas entre a ciberseguridade IT e a OT, salientando a prioridade da dispoñibilidade, a seguridade funcional e a resiliencia. Tamén serve para implementar e probar contramedidas reais: configuración de firewall industrial, segmentación en zonas, xestión segura de credenciais en PLC, robot e HMI, e activación de rexistros e monitorización seguindo ISA/IEC 62443.

Os exercicios concretos abranguen a avaliación da segmentación e do control de accesos na rede local da maqueta, e a detección de intrusión no PLC e no robot. A célula complétase cunha vertente de análise e investigación forense en OT: a partir dun incidente simulado, o alumnado recompila evidencias —tráfico capturado, logs do PLC ou do firewall, estado do robot— para diagnosticar o ocorrido e deseñar plans de resposta e recuperación.

Melloras acadadas

Simulación dunha fábrica Industria 4.0

Análise forense en sistemas OT

Ciberseguridade en células robotizadas