O Laboratorio e Centro Demostrador de Ciberseguridade en Produtos con Elementos Dixitais da Xunta de Galicia celebrou unha nova edición dos Encontros Tecnolóxicos do Laboratorio, que acadou o aforo completo e reuniu profesionais do sector empresarial, persoal da Administración pública, profesorado e alumnado arredor dos novos retos da intelixencia artificial aplicada á ciberseguridade.
Nesta ocasión, a xornada contou coa participación de CrowdStrike e centrouse na evolución das operacións de seguridade ante o crecente protagonismo da intelixencia artificial e dos axentes autónomos. A través de relatorios, demostracións e actividades prácticas, abordáronse cuestións como a automatización dos centros de operacións de seguridade, a protección dos sistemas de IA, a evolución das ameazas e o papel da identidade nos novos contornos dixitais.
A xornada comezou coa benvida de María Rodríguez, directora estratéxica do Laboratorio, que conduciu o encontro e deu paso ás distintas intervencións do programa.
Alberto Águeda abordou a evolución de SecOps cara ao Agentic SOC. Mediante unha demostración práctica, mostrou como están a evolucionar as operacións de seguridade desde os modelos tradicionais cara a escenarios nos que os axentes autónomos de intelixencia artificial poden participar de forma proactiva na investigación e na resposta ante ameazas. A sesión tamén permitiu coñecer o papel da automatización con Falcon Fusion e a incorporación da IA xerativa mediante Charlotte AI.
A continuación, Miguel Ángel de Castro centrou a súa intervención na protección da intelixencia artificial e no uso da IA para reforzar a ciberseguridade. Durante a sesión analizáronse riscos como os ataques de prompt injection, o jailbreaking, o envelenamento de datos e a exfiltración de información sensible. Tamén se abordaron a monitorización das interaccións cos servizos de IA, o uso de axentes autónomos para reforzar as capacidades defensivas e a importancia de establecer medidas de gobernanza e cumprimento normativo para incorporar estas tecnoloxías ao ámbito empresarial.
Tras unha pausa, Javier López Gordo presentou diferentes servizos de IA de vangarda aplicados á ciberseguridade, afondando na creación de modelos e axentes especializados en tarefas como o threat hunting, a análise forense automatizada e a resposta ante incidentes. Así mesmo, salientouse a importancia de adaptar estes modelos ao contexto e ás necesidades de cada organización, así como de dispoñer dunha estratexia que permita integrar axeitadamente a intelixencia artificial nas operacións de seguridade.
Pola súa banda, Luis Gil analizou a evolución do adversario e o uso da IA como ferramenta para pasar da automatización á autonomía. A súa intervención afondou en conceptos como o Red Team autónomo, a aplicación da intelixencia artificial para potenciar as capacidades dos Blue Team, a aprendizaxe continua a partir de exercicios de seguridade e a validación da eficacia dos controis mediante ataques controlados.
A identidade ocupou tamén un lugar destacado na xornada. Aitor Álvarez abordou o seu papel central na era dos axentes autónomos e os retos que presenta a xestión das identidades en contornos cada vez máis distribuídos. A sesión incluíu cuestións relacionadas coa detección e resposta ante ameazas á identidade (ITDR), a xestión de accesos privilexiados (PAM) e os modelos Zero Trust, ademais dos novos desafíos en materia de autenticación, autorización e supervisión de axentes autónomos.
Nun escenario no que cada vez máis procesos e servizos incorporan intelixencia artificial, a identidade convértese nun elemento fundamental para determinar quen ou que pode acceder aos recursos dunha organización, en que condicións e con que nivel de privilexios.
A xornada concluíu cunha actividade práctica en formato de xogo, organizada en diferentes niveis, que permitiu ás persoas participantes experimentar con técnicas de jailbreaking. O reto consistía en deseñar distintas instrucións (prompts) para tentar superar as restricións dunha intelixencia artificial e conseguir que revelase información que debía permanecer protexida, como contrasinais de usuarios.
Esta dinámica achegou ás persoas asistentes, dun xeito participativo, algúns dos riscos e vulnerabilidades asociados ao uso de sistemas de intelixencia artificial, mostrando a importancia de avaliar os seus mecanismos de protección e comprender como poden ser utilizados de forma maliciosa.
O aforo completo e a diversidade de perfís participantes poñen de manifesto o interese que esperta a intelixencia artificial aplicada á ciberseguridade e os novos desafíos que presenta a súa incorporación, tanto nas estratexias defensivas como nas capacidades dos potenciais adversarios.
Con iniciativas como os Encontros Tecnolóxicos do Laboratorio, o Laboratorio e Centro Demostrador de Ciberseguridade en Produtos con Elementos Dixitais da Xunta de Galicia continúa impulsando espazos de encontro e colaboración entre empresas, Administración pública e comunidade educativa. Estas xornadas permiten compartir coñecemento, coñecer de primeira man tecnoloxías emerxentes e achegar as tendencias que están a transformar a ciberseguridade tanto aos profesionais como ás futuras persoas especialistas