A Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), presentou tres novos informes do Observatorio de Ciberseguridade Industrial correspondentes ao ano 2026, elaborados polo Laboratorio e Centro Demostrador de Ciberseguridade en Produtos con Elementos Dixitais e Ciberseguridade Industrial.
Este laboratorio forma parte da Rede de laboratorios e centros demostradores impulsada pola Xunta no marco do programa RETECH, en colaboración co Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE). A iniciativa ten como obxectivo crear un ecosistema de innovación en ciberseguridade que conecte as capacidades tecnolóxicas coas necesidades do tecido empresarial, a administración pública e a cidadanía galega.
A rede integra distintos axentes do ecosistema tecnolóxico galego, como centros tecnolóxicos e universidades, e oriéntase a fomentar a investigación e o desenvolvemento de solucións de ciberseguridade, especialmente en sectores estratéxicos como a industria ou o transporte intelixente. Neste contexto, o laboratorio combina capacidades de experimentación, formación, asesoramento e observación de tendencias, co fin de reforzar a resiliencia dixital de Galicia.
Os tres informes presentados forman parte do Observatorio de Ciberseguridade Industrial, unha das liñas crave deste laboratorio. O primeiro, centrado en ciberalertas, analiza o aumento de riscos derivados da crecente dixitalización industrial e a interconexión entre sistemas IT e OT. O documento destaca que a explotación de vulnerabilidades segue sendo unha das principais vías de ataque, o que reforza a necesidade de adoptar medidas preventivas en sectores críticos.
O segundo informe enfócase nas oportunidades de cooperación e investimento en I+D+i facilitando ao ecosistema galego o acceso a programas de financiamento autonómicos, estatais e europeos. O seu obxectivo é mellorar a planificación estratéxica e favorecer a participación en iniciativas innovadoras.
Pola súa banda, o informe de intelixencia de ameazas ofrece unha visión global do panorama actual, marcada polo aumento do ransomware industrial, o uso de intelixencia artificial por parte dos atacantes e a crecente actividade de actores estatais. Esta análise permite ás organizacións anticiparse aos riscos e mellorar a súa capacidade de resposta.
O proxecto está financiado pola Unión Europea a través dos fondos NextGenerationEU, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, e desenvólvese conforme os requisitos establecidos por INCIBE.