A Xunta reforza a especialización en ciberseguridade na Formación Profesional con 14 másteres e 340 prazas para o curso 2024/2025. Esta oferta formativa supón un incremento de 8 cursos de especialización e 200 prazas, ademais de ampliar o alcance xeográfico desta formación, que agora se impartirá en centros das catro provincias.
A ampliación desta formación busca dar resposta á elevada demanda destes perfís por parte do sector tecnolóxico. Os cursos de especialización en ciberseguridade ofertados son: Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías da información e Ciberseguridade en contornos das tecnoloxías de operación, que se impartirán en modalidade presencial e en liña en centros da Coruña, Ferrol, Vigo, Ourense, Marín, A Estrada, Vilagarcía, Lugo e Monforte.
Este reforzo da especialización en ciberseguridade na FP é unha das liñas de actuación do Proxecto Galego de Programas Superiores de Formación en Ciberseguridade, impulsado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, dotado con 2,5 millóns de euros e que se enmarca nas actuacións do programa RETECH e do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea con fondos Next Generation.
A presentación da oferta formativa realizouse nunha Xornada en Ourense na que interviñeron o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica, Julián Cerviño, e a directora xeral de Formación Profesional da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Eugenia Pérez.