Entrevista a Inés Amor, Policía Nacional

Imaxe

Na entrevista realizada hoxe a Inés Amor, abordouse a evolución das estafas a través de WhatsApp e doutras canles dixitais, unha modalidade de fraude que continúa tendo unha importante incidencia e que se apoia, en boa medida, en xerar unha sensación de urxencia na vítima. Trátase de mensaxes que presentan situacións aparentemente reais e inmediatas co obxectivo de conseguir que a persoa actúe de maneira impulsiva, sen comprobar previamente a información a través das canles oficiais.

Amor explicou que este tipo de estafas se foron profesionalizando e resultan cada vez máis cribles. Os ciberdelincuentes poden acceder a datos persoais procedentes de filtracións e da súa comercialización na Dark Web, información que posteriormente empregan para personalizar as mensaxes e facer que os enganos parezan máis reais. Precisamente, a urxencia que transmiten provoca que, en ocasións, en lugar de verificar quen está detrás da comunicación ou contactar coa persoa ou entidade polos medios habituais, se responda directamente a través de WhatsApp.

Ante unha ameaza que evoluciona constantemente, destacou que as forzas e corpos de seguridade tamén actualizan os seus coñecementos e métodos de investigación para adaptarse ás novas formas de delincuencia. Con todo, incidiu especialmente na importancia da prevención e da concienciación cidadá, lembrando que non todo o que aparece nunha pantalla é necesariamente certo e que cómpre desconfiar de mensaxes inesperadas, especialmente cando solicitan cartos, datos ou unha actuación inmediata.

No caso de que finalmente se produza a estafa, Amor recomendou denunciar e achegar todas as probas dispoñibles, como capturas de pantalla, mensaxes, números de teléfono, xustificantes de transferencias ou calquera outra información que permita á Policía realizar as comprobacións pertinentes. Advertiu, non obstante, da dificultade destas investigacións, xa que detrás destas fraudes adoitan atoparse estruturas organizadas que operan desde fóra da Unión Europea, incluídas mafias ou organizacións que funcionan como auténticas empresas ilegais.

Información relacionada

Vídeos