Recrea unha liña automatizada de envasado e embotellado con tecnoloxía Siemens e Omron, integrando protocolos industriais como Profinet, S7, Ethernet FINS e OPC-UA. Combina control de procesos (enchemento preciso, temperatura) con control discreto de máquinas (movemento de envases e actuadores a ritmo de ciclo), ofrecendo unha visión completa da automatización aplicada á industria alimentaria e de bebidas, un sector cada vez máis regulado.
A maqueta permite adestrar na supervisión e optimización dun proceso produtivo con criterios de calidade, traballando o axuste de PID, a calibración de sensores de visión e a resposta do sistema ante variacións como cambios no tamaño do envase. No plano da ciberseguridade, evidencia que unha perturbación destes sistemas pode derivar en produtos inseguros para o consumo ou en grandes perdas económicas se a liña se detén ou se desperdicia materia prima. Tamén introduce o concepto de trazabilidade electrónica e o risco de que os datos de lote sexan alterados de forma maliciosa.
O catálogo de exercicios é especialmente amplo. Inclúe unha sabotaxe da calidade do produto que aproveita a ausencia de cifrado do protocolo S7comm para conectarse ó PLC con TIA Portal e degradar deliberadamente o produto sen xerar fallos evidentes. Súmase un escenario de ransomware en sistemas MES/SCADA que recrea o cifrado e a indispoñibilidade dos sistemas de supervisión. A maiores, trabállase a seguridade das comunicacións e a protección de datos, así como dous exercicios centrados na rede sen fíos: un ataque Evil Twin sobre o punto de acceso e os seus clientes, e unha proba de robustez fronte a ataques de denegación de servizo en Wi-Fi.
Todo isto fai da maqueta un recurso moi útil para formar persoal de fábricas alimentarias en ciberseguridade industrial, reforzando a importancia de manter a integridade e a dispoñibilidade dos sistemas OT e de aplicar contramedidas como contrasinais fortes, segmentación e monitorización continua.