O Laboratorio e Centro Demostrador de Ciberseguridade en Produtos con Elementos Dixitais da Xunta de Galicia organiza a primeira edición dos Encontros Tecnolóxicos do Laboratorio, unha iniciativa orientada á divulgación de coñecemento e ao intercambio de experiencias arredor da ciberseguridade e das tecnoloxías emerxentes.
O vindeiro 20 de outubro de 2026, a sala Eisenman da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, acollerá a primeira edición dos Encontros Tecnolóxicos do Laboratorio, unha nova iniciativa impulsada polo Laboratorio e Centro Demostrador de Ciberseguridade en Produtos con Elementos Dixitais da Xunta de Galicia.
Este ciclo nace coa vocación de converterse nun punto de encontro periódico para profesionais, empresas, administracións públicas e entidades interesadas na ciberseguridade, coa previsión de celebrar unha xornada temática cada mes sobre as principais tendencias, retos e avances tecnolóxicos do sector.
A primeira sesión estará centrada na detección e resposta fronte ás ameazas actuais e contará coa participación de expertos de CrowdStrike, que abordarán cuestións como a evolución dos centros de operacións de seguridade (SOC), a protección da intelixencia artificial, os servizos de Frontier Al, a aplicación da IA a escenarios de Red Team e Blue Team, así como as novas plataformas de protección da identidade dixital.
A actividade desenvolverase entre as 09:30 e as 14:00 horas e incluirá espazos para o intercambio de coñecemento entre os asistentes e os relatores, favorecendo o achegamento ás tecnoloxías e solucións que están a marcar a evolución da ciberseguridade.
As persoas interesadas poderán inscribirse na seguinte ligazón: I Encontro Tecnolóxico do Laboratorio.