Máis de 30 entidades do Nodo CIBER.gal unen esforzos para sensibilizar e capacitar ás empresas galegas en ciberseguridade

Imaxe

O ciclo, que desenvolverá unhas 20 actividades ata xuño deste ano, foi deseñado polo grupo de traballo de Empresas do Nodo co obxectivo de consolidar a Galicia como un referente en ciberseguridade e garantir unha contorna dixital segura.

As actividades centraranse en sensibilizar e capacitar ás empresas de Galicia en prácticas e coñecementos sobre a materia, ademais de ofrecer un ámbito de colaboración e de acceso a recursos chave que permitan ás empresas mellorar as súas capacidades fronte a ameazas. Estas actuacións centraranse en cinco áreas: obradoiros prácticos sobre ciberseguridade; cesión de ferramentas e recursos de valor; consulta a expertos en seguridade dixital; xeración de coñecemento e almacenamento de documentación especializada; e creación de pílulas formativas adaptadas ás necesidades das empresas.

No último ciclo de actividades do grupo de traballo de Empresas participaron máis de 20 entidades colaboradoras do Nodo que levaron a cabo cerca de 20 actividades, das que se beneficiaron máis de 300 profesionais.

Dende a súa creación, o Nodo CIBER.gal aliñou as súas iniciativas cos obxectivos estratéxicos de Galicia en ciberseguridade, e apoiou a sensibilización e capacitación de colectivos chave na cidadanía, o tecido empresarial e a Administración pública.

A programación poderase coñecer a través deste mesmo portal web (ciberseguridadegalicia.gal), na que as empresas e profesionais interesados poden dispoñer de toda a información necesaria para participar.